AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

CIRCO CONTEMPORÁNEO, FLAMENCO E MÚSICA EN DIRECTO DANSE A MAN NESTA MONTAXE QUE PODERÁ VERSE EN SANTIAGO O XOVES 5 E O VENRES 6 ÁS 20.30 H

A compañía andaluza Varuma abre o ciclo "Circo en escena" do Salón Teatro co espectáculo "Malgama"

[03/02/2009] A fusión do novo circo e o flamenco chega ao Salón Teatro de Santiago da man da compañía andaluza Varuma Teatro, que escenificará o xoves 5 e o venres 6, ás 20.30 horas, a peza Malgama. Con este espectáculo iníciase no escenario que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) o ciclo "Circo en escena", dentro do que tamén actuarán a compañía portuguesa O Último Momento coa montaxe Contigo (días 7 e 8), a galega Maquinaria Pesada que debutará coa estrea de As vingadoras (días 14 e 15), e finalmente, os franceses Ieto co espectáculo homónimo, premiado no festival Jeunes Talents Cirque Europe 2008 (días 19 e 20).

Malgama

Baixo a dirección de Jorge Barroso Bifu, Malgama combina a forza do flamenco, a espectacularidade do circo contemporáneo e a sensibilidade da danza e da música en directo. Así as cousas, o espectáculo válese dun modelo artístico de circo onde a técnica está ao servizo da arte e da expresión. A posta en escena corre a cargo dun elenco composto polos artistas circenses Rubén Barroso Mini, Laura Bolón e Rafael Díaz Pollo, o pallaso Sergio Domínguez, a bailaora Asunción Pérez Choni e os músicos Raúl Cantizano (Guitarra) e Alicia Acuña (Cante).

Pallasos por peteneras

Malabaristas que rouban os lunares dun traxe de flamenca para xogar con eles e botalos ao compás mentres se desenvolve unha actuación de canto e de baile, unha bailaora coa súa bata de cola suspendida no aire compartindo escenario cun acróbata ou pallasos por peteneras, que segundo a lenda traen mala sorte, son algúns dos números que conforman este espectáculo.

Esta ampla mostra é unha amálgama que xoga co nome da obra e do seu protagonista, Malgama, un personaxe que padece a eterna insatisfacción de non sentirse completo porque lle falta o "a" do amor e da amizade. Ao longo da obra, acompañamos a Malgama nunha viaxe iniciática na procura do motor que o conduza a evolucionar, do pulo que lle dará sentido á súa vida.

Fundada baixo a dirección de Jorge Barroso Bifu, Varuma Teatro comeza a súa andaina en 1999 dentro do Colectivo Sevillano de Artes Escénicas Pi 3'14. No seus inicios a formación centra a súa actividade no teatro de rúa, abríndose máis tarde á posibilidade de crear un grupo polivalente onde as disciplinas circenses se puidesen mesturar con actores, bailaríns, acróbatas, danza vertical, etc. O resultado foi moi innovador pois a idea integradora e de fusión das devanditas disciplinas era bastante nova en Andalucía.

En 2004 incorpóranse a Varuma Teatro Alberto López (actor e especialista en danza vertical) e Antonia Gómez (actriz e directora teatral), cos que a compañía se asenta no obxectivo que perseguía desde a súa creación, conseguindo nos seus últimos espectáculos unha linguaxe máis acertada e estable.

A formación andaluza traballa campos tan diferentes como clown, danza (vertical, contemporánea, clásica), música, malabares, trapecio fixo, corda fixa, monociclo, zancos, Commedia dell'Arte, pantomima, acrobacia, etc. En definitiva, todo o relacionado coas artes escénicas e circenses.

Iniciativa pioneira

Iniciativa pioneira en Galicia, "Circo en escena" trae a Santiago algunhas das propostas que se están a representar nos festivais e programacións máis prestixiosos do sector. O ciclo continuará esta mesma semana coa posta en escena de Contigo, de O Último Momento, o sábado ás 20.30 h e o domingo ás 18.00 h. Estreado no Festival de Aviñón, este espectáculo nace do encontro entre dous artistas portugueses: o acróbata João P. Pereira dos Santos e o coreógrafo Rui Horta.

As entradas para todas as funcións de "Circo en escena" están xa á venda na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada actuación. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal