[17/02/2009] A actuación do músico californiano Jeremy Jay abre este domingo día 22 de febreiro ás 22.00 h a terceira edición da extensión en Compostela do Festival Sinsal, un encontro de referencia en Galicia para a música contemporánea máis vangardista. O espazo escénico que xestiona Centro Dramático Galego, en colaboración cos organizadores do Sinsal, completará o ciclo con outros dous recitais: o do grupo británico Pram o 2 de abril e o que compartirán a banda italiana Larsen e a cantante de Nova York Little Annie o 14 de maio.
Fundado en Vigo en 2003, o Festival Sinsal aposta polos sons contemporáneos, as propostas populares e os proxectos máis arriscados do panorama musical internacional. O certame, que leva como subtítulo "Música para catro estacións", desenvólvese ao longo de todo o ano cunha estrutura estacional, a través dunha programación definida para cada inverno, primavera, verán e outono. Despois de dúas exitosas edicións celebradas en Compostela, o Sinsal regresa con outro catálogo de artistas tan interesantes como influentes canto aos ritmos actuais, co que se sitúa xa ao Salón Teatro como escenario comprometido na difusión destas músicas.
Jeremy Jay, vocalista que inaugura a presente extensión do Festival, asinou un álbum debut, A Place Where We Could Go, presentado polos entendidos como "sofisticadamente retro e sedutoramente ambiguo (...) que recunca dende un cálido e nocturno agocho nas sonoras de François Hardy, Buddy Holly, David Bowie ou Nirvana. Como unha caste de Lord Byron despeiteado, na voz do californiano cohabitan o pop subterráneo e o romanticismo, a realidade e a ficción, dando pé a unha epifanía musical memorable". En Santiago adiantará, ademais, algúns temas do seu novo traballo, Slow Dance, máis influenciado pola new-wave francesa, que sairá ao mercado en marzo.
Pram, Larsen e Little Annie
O concerto de Pram, que terá lugar o próximo 2 de abril, porá de manifesto por que este grupo é un dos grupos máis oníricos do panorama alternativo. Sam Owen, Matt Eaton, Max Simpson e a particular voz de Rosie Cuckson soan, segundo os organizadores, "coma unha boa película de ciencia ficción, sen efectos especiais abraiantes, entre David Lynch e Tim Burton, ás veces desacougantes e outras, doces e tenros". Enriba do escenario, dan unha nova dimensión ao seu son acompañando a súa posta en escena con audiovisuais tan especiais e únicos como a súa música. Case dúas décadas despois da súa formación, ben acreditados pola emulsión fantasmagórica de ventos, xilófonos, theremíns, teclados e marimbas do aclamado disco The Moving Fronter (2007), o grupo británico segue vixente.
A banda experimental turinesa Larsen pechará o Festival Sinsal de Santiago o 14 de maio cun recital que contará co engadido dunha voz amiga, a de Little Annie (tamén coñecida como Annie Anxiety), diva do dub e do cabaret post punk e colaboradora do grupo Coil ou do combo On-U Sound. A formación underground presentará no Salón Teatro o seu novo álbum en estudo, La Fever Lit, un oitavo disco tras trece anos de actividade. Neste traballo, os italianos conseguen prender os oídos do público ao seu pop cinemático, aboiándoo en ritmos luminosos nunha delicada lixeireza musical. En contrapartida, a nocturnidade e aleivosía vai por conta de Annie Anxiety e da súa excéntrica narrativa.
As entradas para asistir aos tres concertos do Festival Sinsal-Extensión Salón Teatro poranse á venda no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo de cada recital. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).