AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A MONTAXE DISTRIBUIRASE ATÉ O MES DE XUÑO EN TEATROS DO BARCO, A CORUÑA, VIGO, TUI, VILAGARCÍA, OURENSE, NARÓN, RIBADEO E FERROL

O Centro Dramático Galego inicia na localidade portuguesa de Vila Real a xira de "As dunas"

[07/04/2009] O CDG inicia mañá 8 de abril na localidade portuguesa de Vila Real o período de distribución da súa última montaxe, As dunas. A esta primeira función, que dará comezo ás 22.00 horas no auditorio pequeno do Teatro de Vila Real e dentro da programación do Festival Internacional de Teatro Vinte e Sete, seguirán unha serie de 15 representacións durante máis de dous meses nun total de 9 localidades galegas da rede Espazos CDG: O Barco de Valdeorras (17 de abril), A Coruña (24 e 25 de abril), Vigo (29 e 30 de abril), Tui (8 e 9 de maio), Vilagarcía (14 e 15 de maio), Ourense (22 e 23 de maio), Narón (29 e 30 de maio), Ribadeo (7 de xuño) e Ferrol (13 de xuño).

As dunas

A obra, escrita ad hoc por Manuel Lourenzo -Premio Nacional da Cultura Galega 2008 na categoría de Artes Escénicas-, conta coa dirección de Quico Cadaval. Autor e director suman os seus talentos creativos nesta nova produción da compañía pública á que ambos se refiren como "un cabaré sobre o paraíso perdido", unha peza cun destacado compoñente onírico que fala sobre especulación urbanística, corrupción, amor, desamor e sexo.

Nesta ocasión, o polifacético director ideou un espectáculo de teatro, danza e música en directo, para a que conta cun elenco multidisciplinar do que forman parte tanto nomes consagrados como novos valores da escena galega: Paula Buján, Evaristo Calvo, Paulo Oliveira, Manuel Cortés, Susana Dans, Christian Escuredo, Juan Carlos Mosquera "Mos", Iria Pinheiro, Rodrigo Roel e Davide Salvado. Completan o equipo artístico Baltasar Patiño, no deseño do espazo escénico e da iluminación, Gilda Bonpresa (vestiario), Armando Martén (coreografía), Bernardo Martínez (espazo sonoro) e Hugo Torres como axudante de dirección.

A estética de As dunas inspírase na cultura popular dos anos setenta, especialmente nos filmes da chamada terceira vía (a medio camiño entre o cine chabacano e o intelectual), no cómic, na telenovela e na fotonovela. O resultado, en palabras do propio director, é "unha especie de pastiche cun pouco de aventura, un pouco de crítica política, un pouco de sexo e un pouco de risa".

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal