AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O SALÓN TEATRO OFRECERÁ TRES FUNCIÓNS (17, 18 E 19 DE ABRIL) DESTA MONTAXE, ÁS QUE SEGUERÁ UNHA AMPLA PROGRAMACIÓN CON MÁIS DUNHA TRINTENA DE REPRESENTACIÓNS ATÉ XUÑO

Iván Marcos e o CDG coproducen teatro contemporáneo coa estrea de "Eco" este venres en Santiago

[15/04/2009] O Salón Teatro acolle esta fin de semana (venres 17 ás 21.00h, sábado 18 ás 20.30h e domingo 19 ás 18.00h) a estrea de Eco, un espectáculo de teatro contemporáneo a cargo de Iván Marcos en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). Con esta proposta, a compañía pública continúa co seu plan de coproducións para 2009, no que tamén se insiren os espectáculos Rúa aire de O Retrete de Dorian Gray; Delimvois, do grupo portugués Teatro Oficina a partir dun texto do Premio Nacional de Literatura Dramática Rubén Ruibal, e Wake Up de Nut Teatro.

Eco

Iván Marcos crea, dirixe e interpreta esta proposta escénica para un só actor, dotada dunha linguaxe teatral de carácter interdisciplinar, que investiga o momento no que unha figura, un son, un ente, se libera dunha superficie e acada a súa propia independencia. Trátase dun espectáculo moi elaborado que, partindo da imaxe, do son e do movemento en combinación co uso das diferentes tecnoloxías dixitais, tenta reformular preguntas sobre os procesos de formación de identidades diferenciadoras, sobre o momento no que a un ente se lle atribúen unhas características fundamentais que o diferencian do seu contorno.

O actor como obxecto de investigación

En Eco, os diferentes elementos (como a linguaxe, a materia ou o son) explóranse de forma illada e descontextualizada. O actor convértese nun obxecto de investigación en si mesmo; o seu corpo físico, a súa voz ou as súas experiencias son estudadas e analizadas, fragmentadas e reorganizadas, para logo ser reintegradas no contexto escénico no que se atopa coa intención de establecer unha nova percepción propia.

A acción oscila entre a superficie e a profundidade, entre unha realidade bidimensional (vídeo) e outra tridimensional (escena). O son, por outro lado, resulta sempre tridimensional. Voz, música e son, a miúdo manipulados e expandidos, creados como ecos intensos de lugares concretos, ancoran as imaxes nun lugar e nunha xeografía específicas.

Xunto a Marcos, Christian Wolz colaborou na composición sonora; Alberto Santos, no deseño da luz e vídeo, e Jesús Barranco e Celso Jiménez exerceron como asistentes dramatúrxicos.

Plataforma xiratoria

Unha plataforma xiratoria ocupa o centro do espazo escénico. Este artificio típico do teatro kabuki emprégase como un escaparate desde o que observar e analizar o corpo e a voz do perfomer e das materias presentadas, pero tamén como unha estrutura viva, dinámica, desde a que confrontar os suxeitos analizados coa realidade dun medio cambiante. A plataforma é un elemento que magnifica todas aquelas cousas que se sitúan enriba dela: as cámaras de vídeo capturan imaxes que son logo proxectadas, os micrófonos amplifican o son, e o sistema de rotación incrementa os posibles ángulos de percepción expandindo a capacidade de observación sobre o performer e os obxectos no escenario, posibilitando á vez unha caste de estatismo móbil.

Iván Marcos estudou teatro con Manuel Lourenzo e Phillipe Gaulier (Londres), teatro físico e circo contemporáneo en Circomedia (Inglaterra), así como Coreografía e Arte Dixital no Dartington College of Arts de Inglaterra. Formouse tamén noutras disciplinas relacionadas, como o mimo e a contact improvisation, e na actualidade centra o seu adestramento no estudo de prácticas de carácter integrador como o Tai-Qi. Desde o humor e a vulnerabilidade, o seu traballo integra diferentes estilos teatrais e formatos artísticos, elementos narrativos e simbólicos, para xerar situacións contemplativas que dan lugar á reflexión sobre a condición do mundo e das persoas.

As entradas para Eco están xa á venda na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo da actuación. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Programación até xuño

O Salón Teatro, espazo escénico xestionado polo CDG, principia con Eco a súa nova programación trimestral de primavera, que se prolongará até xuño cun total de 35 días de apertura para ofrecer ao público concertos, teatro, danza e performances a cargo de diversas agrupacións artísticas galegas e de fóra de Galicia.

No apartado de música, despois do recital que o pasado 2 de abril protagonizou o grupo Pram, o 14 de maio actuarán Larsen & Little Annie e o 16 e 17 de maio, a banda Current 93 liderada polo británico David Tibet. Ás tres últimas citas da extensión compostelá do Festival Sinsal engádese o 7 de xuño a actuación da Orquestra de Música Espontánea de Galicia (OMEGA), dentro do Festival Vibracional TPS.

Canto ao teatro, ademais das estreas das coproducións de Eco, con Iván Marcos, Delimvois, co portugués Teatro Oficina (23 e 24 de maio) e Wake Up, con Nut Teatro (18, 19, 20 e 21 de xuño); o edificio do número 34 da Rúa Nova acollerá a celebración dos 20 anos de Teatro do Morcego con oito representacións de Kvetch, o último espectáculo do grupo pontevedrés (23, 24, 25, 26 e 30 de abril e 1, 2 e 3 de maio) e a nova produción da obra A piragua a cargo de Abrapalabra (25, 26 e 27 de xuño) baixo a dirección de Cándido Pazó.

A danza estará representada pola Compañía Salva Sanchis (Bélxica) con Objects in the mirrror are closer than they appear (9 e 10 de maio) e a estrea da peza Ovay pola Compañía Quique Peón en coprodución co Centro Coreográfico Galego (13 e 14 de xuño).

Por último, entre o 4 e o 6 de xuño desenvolverase a terceira edición do ciclo AcciónST, no que distintas formacións artísticas levarán a cabo accións escénicas en diferentes localizacións dentro do edificio do teatro.

Ademais da adquisición das entradas por venda anticipada ou en billeteira, nesta temporada o Salón Teatro pon a disposición do público o Bono de Primavera, válido para asistir a catro funcións (unha coprodución do Centro Dramático Galego máis outros tres espectáculos a elixir, agás os dous concertos de Current 93 e as intervencións do ciclo AcciónST) por un importe total de 20 euros.


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal