AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O CENTRO COREOGRÁFICO E O CENTRO DRAMÁTICO COLABORAN NA REDE DE DANZA DÉPARTS E NO PROXECTO XÓVENES TALENTOS DO CIRCO EUROPEO CON OUTRAS 15 ENTIDADES DE 10 PAÍSES

A AGADIC participa en dous programas de danza e circo financiados con 2.625.043 € pola Comisión Europea

[16/04/2009] A Axencia Galega das Industrias Culturais foi seleccionada para participar en dous proxectos internacionais de promoción da danza e do circo -a rede de danza DÉPARTS e a iniciativa Xóvenes Talentos do Circo Europeo- financiados cun total de 2.625.043 euros a través do Programa Cultura 2007-2013 da Comisión Europea. O Centro Coreográfico Galego (CCG) e o Centro Dramático Galego (CDG) son, respectivamente, as unidades encargadas de xestionar a colaboración da nosa Comunidade en ambas iniciativas transfronteirizas.

O CCG é un dos 12 centros asociados á Rede Europea para a Promoción da Danza DÉPARTS, proxecto liderado pola escola belga PARTS (Performing Arts Research and Training Studios) que conta cunha achega de 2.425.043 euros por parte da Comisión Europea para o seu desenvolvemento en cinco anos. O seu obxectivo é difundir novos modelos pedagóxicos da danza, facilitar a investigación e a creación e dar oportunidades aos novos valores a través de accións que tendan pontes entre os artistas emerxentes e o mundo profesional.

Posta en marcha en 2001 da man da directora de PARTS e fundadora da compañía Rosas, Anne Teresa de Keersmaeker, DÉPARTS conta nesta nova etapa coa colaboración como coorganizadores de destacados espazos no ámbito da danza e da arte contemporánea de nove países europeos: ademais de Galicia, participan Alemaña (Hebbel am Ufeer, de Berlín e PACT Zollverein/Choreographiches Zentrum NRW, de Essen), Bélxica (Kunstencentrum Vooruit, de Gante), Dinamarca (Koreografisk Center Archauz, de Arhus), Francia (CDC, Toulouse), Holanda (Springdance, de Utrecht), Hungría (Trafo, de Budapest), Portugal (Al Kantara e Forum Dança, de Lisboa) e Turquía (Bimeras, de Estambul).

Novos creadores

A Comisión Europea aprobou, asemade, o apoio económico ao programa Xóvenes Talentos do Circo Europeo por un importe total de 200.000 euros para o bienio 2009-2010. O Centro Dramático Galego é unha das cinco entidades asociadas a este programa que encabeza o centro francés Jeunes Talentes Cirque, dedicado a promover e incentivar o traballo dos novos creadores deste xénero escénico.

Xunto con Cirko-Uden Sirkusken Keskus Ry de Finlandia, a Vlaamse Organisate Voor Circuskunsten de Bélxica e o Crying Out Loud Lt. do Reino Unido, o CDG mailo Jeunes Talentes Cirque traballarán no fornecemento da creación e da mobilidade dos xóvenes artistas, na difusión da arte circense e na promoción do diálogo intercultural. Entre as actividades previstas, destacan aquelas destinadas a favorecer a circulación das pezas de creadores emerxentes por toda Europa, así como presentacións públicas e outras iniciativas dirixidas especialmente á proxección do circo nos medios de comunicación.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal