AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A OBRA, DIRIXIDA PRINCIPALMENTE AO PÚBLICO INFANTIL, PODERÁ VERSE EN SANTIAGO OS DÍAS 24, 25 E 26 DE ABRIL E 1, 2 E 3 DE MAIO

A Sala Nasa acolle a estrea en Galicia de "Rúa Aire", de O Retrete de Dorian Gray en coprodución co CDG

[23/04/2009] A Sala Nasa de Santiago de Compostela acolle a estrea en Galicia de Rúa Aire, unha peza para público infantil realizada por O Retrete de Dorian Gray en coprodución co Centro Dramático Galego. O espectáculo, que combina o teatro visual e físico coa manipulación de globos, poderá verse os días 24, 25 e 26 de abril e 1, 2 e 3 de maio (venres ás 21.30 horas e sábados e domingos ás 20.00 horas).

Rúa Aire

Rúa Aire, estreada con gran éxito o pasado 29 de marzo en Murcia, forma parte do plan de coproducións do CDG para 2009, programa dentro do que tamén se insiren os espectáculos Eco de Iván Marcos; Delimvois, do grupo portugués Teatro Oficina a partir dun texto do Premio Nacional de Literatura Dramática Rubén Ruibal, e Wake Up de Nut Teatro.

Integrada por Marcos PTT Carballido e Ezra Moreno, a compañía O Retrete de Dorian Gray enfronta a súa segunda creación de gran formato inventando unha nova técnica de manipulación dentro do teatro de obxectos: o monicreque construído con globos. O tándem Carballido-Moreno ocúpase da dirección e interpretación, en tanto outros nomes importantes para a materialización de Rúa Aire son Jordi Farrés, responsable da dirección externa; Fidel Vázquez, do deseño da escenografía e da iluminación; Pablo Rega, do espazo sonoro; José Viruta e Rafa Barreiro, da realización da escenografía; Cloti Vaello, do vestiario; e Belem Brandido na produción.

O aire como obxecto de manipulación

A proposta escénica baséase na idea do escenario dentro do escenario, isto é, a mesa de manipulación. Construída e deseñada ex profeso para este espectáculo, dispón dunha serie de resortes escénicos, luminosos e de tremoia que permiten unha gran axilidade á hora de xerar cambios de luz, ambiente e movementos escenográficos. Deste xeito, os actores-manipuladores manteñen un control absoluto do que pasa na escena, sendo ao tempo técnicos de luces, son ou espazo.

A obra comeza coa chegada de dous titiriteiros cargados coas súas maletas cheas de máquinas, pequenas pezas escenográficas e globos desinchados. Unha vez establecidos na mesa de manipulación, comezan a crear diante do público os primeiros bonecos, inflándoos e moldeándoos á vista con precisión cirúrxica.

O protagonista de Rúa Aire é un personaxe anónimo do que coñecemos toda a súa biografía, desde o berce á tumba. Nunha viaxe polos momentos máis importantes da súa existencia e dos fitos históricos do seu mundo, tamén pasan ante os ollos dos espectadores todo tipo de monicreques efémeros: animais, vexetais e personaxes que configuran un universo en continuo diálogo co público e cos seus manipuladores.

Unión de dúas traxectorias

O Retrete de Dorian Gray xorde no ano 2005, froito da unión das traxectorias de Marcos PTT Carballido (Lugo, 1977) e Ezra Moreno (Madrid, 1972), coa finalidade de afondar no mundo do teatro visual, físico e de manipulación de obxectos. Ambos os dous posúen unha sólida carreira en ámbitos como o clown, a maxia, o cabaré, a globoflexia, os monicreques, a interpretación... Teñen traballado para compañías e equipos como Chévere, Pezrana, Pistacatro, Los Lunnis, Las Noticias del Guiñol ou Los Algos, por destacar algúns.

A súa primeira montaxe foi Blazek, coproducida pola Sala Nasa e codirixida por Diego Anido, que foi creada entre Galicia e Cataluña e preestreada no festival D’Gorra!, así como Ne Me Quitte Pas, número curto de apenas dez minutos de duración, estreado na Festa do Circo e co cal a compañía inaugurou o seu traballo no campo da manipulación de globos.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal