AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

MATARILE TEATRO, ENTREMANS E TROULA ANIMACIÓN COMPLETAN A REPRESENTACIÓN GALEGA NA 32 EDICIÓN DO FESTIVAL, QUE SE CELEBRA DO 26 DE MAIO AO 10 DE XUÑO

Nut Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego estrea "Wake Up" no FITEI do Porto

[14/05/2009] A estrea de Wake Up, de Nut Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG); e os espectáculos Animales Artificiales, de Matarile Teatro; Ven, da compañía de danza Entremans; e A Invasión Pirata, de Troula Animación, compoñen a participación galega no Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica (FITEI), que se desenvolverá do 26 de maio ao 10 de xuño na cidade portuguesa do Porto. A trixésimo segunda edición deste prestixioso encontro, consolidado como unha das principais citas da temporada teatral peninsular, foi presentada hoxe en Galicia desde o Salón Teatro de Santiago por Mário Moutinho, o seu director artístico.

FITEI

O FITEI 2009, que prestará deste xeito unha atención especial á escena galega, exhibirá un total de 20 espectáculos (6 procedentes de Portugal, 10 de España, 1 de Brasil, 1 de Venezuela, 1 de Alemaña e 1 de Francia). Nesta nova edición, o Festival continúa crecendo e, por primeira vez, presentará parte da súa programación fóra do Porto. O renovado Cine-Teatro Constantino Nery, en Matosinhos, e o Fórum Cultural José Manuel Figueiredo, en Moita, son os espazos que se engaden este ano para que varias compañías suban ao escenario. No evento tamén teñen cabida outros ámbitos da creación contemporánea, como son a danza, a performance, as artes plásticas ou a literatura. Ademais, desenvolverase unha programación paralela con conferencias, exposicións e concertos de jazz.

Estrea absoluta

Neste cartel ocupa un lugar destacado a estrea absoluta da montaxe Wake Up, de Nut Teatro en coprodución co CDG e o FITEI, que terá lugar no Teatro Carlos Alberto o sábado 6 de xuño ás 21.30 horas e o domingo 7 ás 16.00 horas. A compañía repetirá función o martes 9 ás 21.30 horas na extensión do Festival en Moita.

Wake Up é un espectáculo interdisciplinar en diálogo íntimo coas últimas tecnoloxías que indaga nas novas teatralidades contemporáneas. Tomando como punto de partida o concepto de privacidade, a compañía compostelá presenta unha peza na que o espectador se converte nun voyeur-mirón de algo que pasa máis alá del e co cal se pode identificar. A través da idea das "camas quentes", expresión referida ao leito subarrendado a homes e mulleres que, carentes de recursos económicos, apenas poden pagar o alugueiro dun catre multiusos, a montaxe reflexiona sobre a intimidade e as relacións xurdidas dos novos modelos de convivencia.

Carlos Neira asume a dirección e a dramaturxia desta proposta escénica, e tamén a concepción dos textos e do espazo escénico, así como a interpretación xunto ás actrices Nerea Barros, Xiana Carracelas, Iria Sobrado e Arantza Villar. Outros nomes importantes na materialización deste proxecto son Guillermo Heras como asesor de dramaturxia, Octavio Mas na iluminación e César Abella na produción. O desenvolvemento tecnolóxico empregado está supervisado por Kónic Thtr., plataforma artística con base en Barcelona dedicada á creación contemporánea na confluencia de arte, ciencia e novas tecnoloxías.

Wake Up forma parte do plan de coproducións do CDG para 2009, no que tamén se insiren os espectáculos Rúa Aire, de O Retrete de Dorian Gray; Eco, de Iván Marcos; e Delimvois, do grupo portugués Teatro Oficina. En Galicia poderá verse no Salón Teatro os días 18, 19 e 20 de xuño ás 20.30 horas e o día 21 ás 18.00 horas.

Teatro, danza e animación galegas

A programación galega continuará con Animales Artificiales, de Matarile Teatro, o luns 8 e o martes 9 ás 21.30 horas no Teatro Nacional São João. A montaxe, que carece de estrutura narrativa, xira arredor da empatía e do equilibrio entre o instinto animal que toda persoa leva dentro e o mundo artificial e normalizado no que lle toca vivir. Tamén ofrece unha completa radiografía sobre a natureza humana, a capacidade para escoller o que queremos ver e a transformación da nosa imaxe dentro da paisaxe inventada para convivir.

O mércores 10 ás 21.30 horas será a quenda da compañía coruñesa Entremans, que interpretará no Cine-Teatro Constantino Nery de Matosinhos o espectáculo de danza contemporánea Ven. Nesta proposta, os codirectores e bailaríns Alexis Fernández e Caterina Varela desempeñan movementos extraordinarios desde o punto de vista técnico e de grande intensidade emocional. A peza foi galardoada en varios festivais de danza contemporánea e conseguiu o 1º premio e os premios do público e da crítica no XXII Certame Coreográfico de Madrid.

O mesmo día 10, tamén a partir das 21.30 horas, os vigueses de Troula Animación desenvolverán o espectáculo A Invasión Pirata polas rúas da cidade de Matosinhos. Artes circenses, máscaras, pirotecnia e percusión mestúranse nesta montaxe itinerante na que un grupo aterrador de piratas sorprenderá aos viandantes.


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal