AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O PAZO DA CULTURA ACOLLE O VENRES 29 E O SÁBADO 30 DE MAIO ESTA OBRA ESCRITA POR MANUEL LOURENZO E DIRIXIDA POR QUICO CADAVAL

O Centro Dramático Galego ofrece dúas funcións da súa produción "As dunas" en Narón

[28/05/2009] O Centro Dramático Galego (CDG) ofrece esta semana no Pazo da Cultura de Narón dúas funcións (venres 29 ás 20.30 h e sábado 30 ás 20.00 h) de As dunas, espectáculo resultante da obra escrita ad hoc por Manuel Lourenzo con dirección escénica de Quico Cadaval. Autor e director suman os seus talentos creativos nesta nova produción da compañía pública á que ambos se refiren como "un cabaré sobre o paraíso perdido". Trátase dunha comedia cun destacado compoñente onírico que fala sobre especulación urbanística, corrupción, amor, desamor e sexo.

As dunas

Proposto polo propio Manuel Lourenzo (Premio Nacional da Cultura Galega 2008 na categoría de Artes Escénicas) para levar ás táboas o seu texto, Quico Cadaval recunca no CDG con As dunas tralo éxito acadado a pasada temporada con Noite de Reis. Nesta ocasión, o polifacético director ideou unha montaxe de teatro, danza e música en directo, para a que conta cun elenco multidisciplinar do que forman parte tanto nomes consagrados como novos valores da escena galega: Paula Buján, Evaristo Calvo, Paulo Oliveira, Manuel Cortés, Susana Dans, Christian Escuredo, Juan Carlos Mosquera "Mos", Iria Pinheiro, Rodrigo Roel e Davide Salvado. Completan o equipo artístico Baltasar Patiño, no deseño do espazo escénico e da iluminación, Gilda Bonpresa (vestiario), Armando Martén (coreografía), Bernardo Martínez (espazo sonoro) e Hugo Torres como axudante de dirección.

Estética de fotonovela

A estética do espectáculo inspírase na cultura popular dos anos setenta, especialmente nos filmes da chamada terceira vía (a medio camiño entre o cine chabacano e o intelectual), no cómic, na telenovela e na fotonovela. O resultado, en palabras do propio director, é "unha especie de pastiche cun pouco de aventura, un pouco de crítica política, un pouco de sexo e un pouco de risa".

A acción transcorre na Mariña luguesa, nunha nave industrial en desuso onde son convocados polo construtor Florencio Pardo, a gobernanta Lola, o intendente Serapio, o empregado Calí Caiate e unha tropa estrafalaria de músicos, bailaríns e cantantes para animar a inauguración do free spa "As dunas", un moderno balneario musical que terá como destinatarios a "amantes de praceres prolongados" e integrará actividades que van dende o relax ao goce musical pasando por "todo tipo de refinados praceres do corpo".

Para rexentar este gran complexo turístico-musical, o empresario contrata unha antiga noiva da xuventude, Lola, muller entrada en carnes, disposta e realista, que ademais lle segue querendo. A moza é moi hábil para controlar a Pardo, para rexentar o local e para se entender cos músicos. Coa chegada destes á nave, asistimos á presentación das súas vidas, das súas esperanzas, frustracións, soños e angustias. Así, sabemos dos amores homosexuais entre Serapio (home xa maduro e descrido) e Milo (mozo depresivo, pusilánime e torturado); das dotes musicais e amatorias do inmigrante Cali Caiate (caboverdiano residente en Burela, ou burelao con orixes caboverdianas); e das relacións de amor e celos entre Cristian, Eva, Melo, Lucinda e Helio, personaxes que se moven entre a esperanza nun futuro incerto e a prosaica realidade.

Venda de entradas

As entradas para as dúas funcións de As dunas, ao prezo de 8 euros, oódense adquirir no despacho de billetes do Pazo da Cultura, 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 20.00h e o sábado 30 a partir das 17.00h.

Despois das dúas funcións en Narón, o espectáculo finalizará o seu período de exhibición en Ribadeo (Auditorio Municipal, 7 de xuño) e Ferrol (Teatro Jofre, 13 de xuño).


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal