[05/06/2009] O Salón Teatro de Santiago acolle este domingo día 7 de xuño ás 22.00 horas o concerto de peche do Festival Vibracional TPS a cargo da Orquestra de Música Espontánea de Galicia (O.m.e.ga), un colectivo musical único na nosa Comunidade, que ofrecerá un espectáculo lúdico e dinámico de inmersión na riqueza e complexidade do mundo da creación sonora a tempo real.
A O.m.e.ga. é unha orquestra moi especial e cunhas características configurativas particulares. Esta formación ecléctica de improvisación libre, guiada baixo condución xestual, está integrada por unha vintena moi heteroxénea de intérpretes galegos que proceden de moi diversos ámbitos do mundo da música (jazz, rock, música clásica, contemporánea, folk, electrónica, experimental…). A diversidade dos compoñentes vese igualmente reflectida na singular convivencia dos instrumentos máis dispares e insólitos: cuncos tibetanos, computadores, saxofóns, cazolas, violíns, reclamos para paxaros, pianos, bandurras, libros, baterías, voces, contrabaixos, xoguetes, frautas do mundo, axóuxeres, radios, guitarras eléctricas, clarinetes, maracas, canto harmónico… que dan como resultado unha ampla gama de recursos, timbres e rexistros de todo tipo, moi pouco comúns nas formacións musicais de carácter convencional.
Creación sonora sempre diferente
Un elemento fundamental para a organización, a modulación e o despregue do inmenso potencial sonoro de O.m.e.ga é a figura do director. Mediante un sistema de sinais e de xestos previamente convidos e relativos ao ritmo, o instrumento, o ton, a intensidade, o estilo, o silencio, etc., a orquestra transforma en son calquera indicación do director. Deste xeito, todos os integrantes van despregando a tempo real un xeito de arquitectura sonora, inmersos nunha viaxe de ida sen volta atrás, sempre diferente, dinámica e sorprendente.
A música da orquestra defínese como espontánea xa que nin os intérpretes coñecen cales, como e cando aparecerán os sinais do director, nin este pode prever con seguridade cales serán as respostas concretas dos músicos ás súas indicacións, polo que o grao de indeterminación, así como a liberdade de cada individuo para tomar decisións baseadas na escoita e na improvisación, é moi alto.
Poderíase considerar O.m.e.ga como un organismo intelixente de exploración vibracional e ás súas actuacións como incursións únicas e irrepetibles na inmensidade do universo sónico. O proceso de dirección xestual utilizado sitúa á agrupación nos límites do espectáculo musical convencional e achégaa aos ámbitos escénicos e visuais máis vangardistas, como poden ser os da performance, o teatro experimental ou a danza contemporánea.
A prol dunha comunidade musical universal
A improvisación libre ten a súa orixe especialmente en Inglaterra e Alemaña, onde se vén desenvolvendo desde os anos sesenta a partir de distintas disciplinas artísticas, como son o free jazz , a música clásica contemporánea, a música electrónica e as diversas músicas de carácter popular. A filosofía subxacente da improvisación libre avoga por unha comunidade universal, sen fronteiras xeográficas, idiomáticas ou estilísticas. Deste xeito, cobra unha importancia capital a actitude de escoita, comunicación e interacción entre os músicos, a exhaustiva exploración das novas posibilidades do instrumento, a creación de novas paisaxes sonoras e o afán de busca de territorios musicais descoñecidos.
O Festival Vibracional TPS (I Festival Internacional de Improvisación Libre de Galicia 2009) ofreceu durante catro días consecutivos en Santiago de Compostela un total de 8 concertos e reuniu a 30 músicos procedentes de Galicia, Cataluña, Portugal, Francia e Austria. Esta primeira edición do encontro naceu cun obxectivo xeral dobre; por unha banda, abrir a música improvisada a espazos e lugares emblemáticos da vida pública; e por outra, inscribir a Santiago na rede peninsular de capitais de referencia da vangarda artística europea.
As localidades para o concerto da O.m.e.ga están xa á venda na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, ao prezo de 5 euros por ser día do espectador, desde dúas horas antes do comezo da representación.