[07/06/2009] O Teatro Carlos Alberto (TeCA) do Porto encheuse na noite de onte para acoller a estrea absoluta de Wake Up, espectáculo de Nut Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego, como parte destacada do cartel do Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica (FITEI). Tralo éxito obtido pola compañía compostelá o ano pasado no seu debut neste encontro, considerado como unha das citas máis relevantes da temporada escénica peninsular, a súa nova proposta foi recibida con gran expectación por parte do público, de xeito que o aforo do teatro completarase de novo na función que terá lugar na tarde de hoxe.
Esta montaxe interdisciplinar, en diálogo permanente coas últimas tecnoloxías, tamén será presentada o vindeiro martes día 9 na extensión do FITEI na localidade de Moita. En Galicia, a nova proposta de Nut Teatro poderá verse no Salón Teatro de Santiago os días 18, 19 e 20 de xuño ás 20.30 horas e o día 21 ás 18.00 horas.
Carlos Neira asina a dirección e a dramaturxia, ademais da concepción dos textos e do espazo escénico desta proposta, para a que conta de novo coas actrices Nerea Barros, Xiana Carracelas, Iria Sobrado e Arantza Villar. Outros nomes importantes para a materialización do proxecto son Guillermo Heras como asesor de dramaturxia, Octavio Mas na iluminación e César Abella na produción. Ademais, o desenvolvemento da tecnoloxía empregada está supervisado pola plataforma artística con base en Barcelona Kónic Thtr.
Wake Up indaga nas novas teatralidades contemporáneas, tomando como punto de partida o concepto de privacidade para presentar unha peza na que o espectador se converte nun voyeur-mirón de algo que pasa máis alá del e co cal se pode identificar. A través da idea das "camas quentes" -expresión referida ao leito subarrendado a homes e mulleres que, carentes de recursos económicos, apenas poden pagar o alugueiro dun catre multiusos-, a montaxe reflexiona sobre a intimidade e as relacións xurdidas dos novos modelos de convivencia.