AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ESCRITA POR MANUEL LOURENZO E DIRIXIDA POR QUICO CADAVAL, ESTA COMEDIA ONÍRICA AMBIENTADA NA MARIÑA LUGUESA FALA DE ESPECULACIÓN URBANÍSTICA, AMOR, DESAMOR E SEXO

O espectáculo do CDG "As dunas" finaliza a súa xira cunha función no Teatro Jofre de Ferrol

[11/06/2009] O Teatro Jofre de Ferrol acolle este sábado día 13 ás 20.30 horas a derradeira función da xira do espectáculo do Centro Dramático Galego As dunas, resultante da obra escrita ad hoc por Manuel Lourenzo con dirección escénica de Quico Cadaval. Con esta representación, realizada en colaboración co Concello de Ferrol, remata un período de exhibición de máis de tres meses no que As dunas se escenificou en 32 ocasións sobre 11 escenarios; e conclúe tamén o plan de produción propia do CDG para a actual temporada escénica 2008-2009.

As dunas

Proposto polo propio Manuel Lourenzo para levar ás táboas o seu texto, Quico Cadaval recuncou no CDG con As dunas tralo éxito acadado a pasada temporada con Noite de Reis. Autor e director suman os seus talentos creativos nesta última produción da compañía pública á que ambos se refiren como "un cabaré sobre o paraíso perdido", unha peza cun destacado compoñente onírico que fala sobre especulación urbanística, corrupción, amor, desamor e sexo.

Nesta ocasión, o polifacético director ideou unha montaxe de teatro, danza e música en directo, para a que conta cun elenco multidisciplinar do que forman parte tanto nomes consagrados como novos valores da escena galega: Paula Buján, Evaristo Calvo, Paulo Oliveira, Manuel Cortés, Susana Dans, Christian Escuredo, Juan Carlos Mosquera "Mos", Iria Pinheiro, Rodrigo Roel e Davide Salvado. Completan o equipo artístico Baltasar Patiño, no deseño do espazo escénico e da iluminación, Gilda Bonpresa (vestiario), Armando Martén (coreografía), Bernardo Martínez (espazo sonoro) e Hugo Torres como axudante de dirección.

Estética de fotonovela

A estética do espectáculo inspírase na cultura popular dos anos setenta, especialmente nos filmes da chamada terceira vía (a medio camiño entre o cine chabacano e o intelectual), no cómic, na telenovela e na fotonovela. O resultado, en palabras do propio director, é "unha especie de pastiche cun pouco de aventura, un pouco de crítica política, un pouco de sexo e un pouco de risa".

A acción transcorre na Mariña luguesa, nunha nave industrial en desuso onde son convocados polo construtor Florencio Pardo, a gobernanta Lola, o intendente Serapio, o empregado Calí Caiate e unha tropa estrafalaria de músicos, bailaríns e cantantes para animar a inauguración do free spa "As dunas", un moderno balneario musical que terá como destinatarios a "amantes de praceres prolongados" e integrará actividades que van dende o relax ao goce musical pasando por "todo tipo de refinados praceres do corpo".

Para rexentar este gran complexo turístico-musical, o empresario contrata unha antiga noiva da xuventude, Lola, muller entrada en carnes, disposta e realista, que ademais lle segue querendo. A moza é moi hábil para controlar a Pardo, para rexentar o local e para se entender cos músicos. Coa chegada destes á nave, asistimos á presentación das súas vidas, das súas esperanzas, frustracións, soños e angustias. Así, sabemos dos amores homosexuais entre Serapio (home xa maduro e descrido) e Milo (mozo depresivo, pusilánime e torturado); das dotes musicais e amatorias do inmigrante Cali Caiate (caboverdiano residente en Burela, ou burelao con orixes caboverdianas); e das relacións de amor e celos entre Cristian, Eva, Melo, Lucinda e Helio, personaxes que se moven entre a esperanza nun futuro incerto e a prosaica realidade.

Venda de entradas

As localidades para esta última función de As dunas poranse á venda o mesmo sábado 13 na billeteira do Teatro Jofre de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.30 horas. O prezo das localidades é 10 (zona A), 8 (zona B) e 3 (zona C).


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal