AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

"O regreso ao deserto" de Koltès será a súa primeira produción

O CDG inicia temporada cunha especial atención á escrita dramática e á coprodución con compañías privadas

[27/09/2006] O Centro Dramático Galego (CDG) enfronta a súa temporada teatral 2006-2007 coa posta en marcha de novas liñas de traballo que, xunto co seu habitual labor de produción de espectáculos, prestarán unha especial atención ao proceso de creación de textos teatrais e á coprodución de montaxes con compañías privadas galegas. A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou este mediodía a nova programación, que se desenvolverá de outubro a xuño e na que se insiren tres producións propias O regreso ao deserto, de Koltès; Tarará-chis-pum, de Artello; e A piragua, de Cándido Pazó e a coprodución con PistaCatro do espectáculo Kamikaze, así como a actividade continuada do Centro de Creación Dramática Contemporánea, a nova figura do dramaturgo residente, e a xestión e programación do Salón Teatro de Santiago.

Presentación da temporada do CDG

Neste acto participou, así mesmo, a directora do CDG, Cristina Domínguez, quen tamén dirixe o primeiro espectáculo da temporada, O regreso ao deserto, do autor francés Bernard-Marie Koltès. Esta montaxe, coa que a compañía pública incorpora a un dos destacados nomes da dramaturxia europea contemporánea, será estreada o vindeiro 20 de outubro no Salón Teatro.

NOVOS PÚBLICOS

A representación dos grandes repertorios dramáticos contemporáneos e clásicos, tanto galegos como internacionais, é precisamente un dos alicerces nos que se sustenta esta nova programación, a través da que se busca atraer, fidelizar e diversificar públicos. Atendendo a este mesmo obxectivo, o Centro reforzará a súa aposta polo teatro dirixido aos espectadores máis novos coa produción dunha versión renovada do primeiro espectáculo profesional de teatro infantil feito en Galicia: Tarará-chis-pum, creación colectiva de Artello Teatro Alla Scala 1:5 que foi estreada orixinariamente en 1978 e que será escenificada polo CDG a partir de febreiro.

O público infantil será tamén protagonista en outubro, mes no que se retomará a campaña escolar do espectáculo de música e narración oral A cabana de Babaiagá, dirixido por Paula Carballeira. A historia da pequena Natasha e da bruxa Babaiagá regresará aos escenarios galegos con funcións no Teatro Principal de Ourense (do 4 ao 6 de outubro), no Pazo da Cultura de Carballo (do 9 ao 11) e no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras (do 17 ao 20).

OBRADOIROS DE CREACIÓN

A promoción da escrita teatral galega é unha das principais novidades presentadas polo CDG, que vén de crear a figura do dramaturgo residente, responsabilidade que nesta temporada recae en Cándido Pazó. Durante este período, Pazó será o encargado de coordinar o novo Centro de Creación Dramática Contemporánea, que impulsará a dramaturxia galega a través do intercambio de coñecementos e experiencias, do fomento de proxectos de investigación en novas linguaxes escénicas e do achegamento a outras disciplinas artísticas.

O Salón Teatro acollerá as actividades deste Centro de Creación, que darán comezo no mes de novembro co curso Pistas para unha dramaturxia da actualidade. Cándido Pazó, o dramaturgo valenciano Paco Zarzoso e o portugués Abel Neves impartirán os tres obradoiros do encontro, de 15 horas de duración cada un, a través dos que se identificarán e estudarán os múltiples temas que poden definir a actualidade, rastrexando e traballando os distintos enfoques, estratexias e camiños dramatúrxicos para abordalos.

As obras resultantes deste laboratorio de escrita serán publicadas no marco dunha nova liña editorial que, empregando a fórmula da coedición, primará a función dos libros como material de traballo. Neste mesmo sentido, o CDG e Laiovento colaborarán na posta en marcha da nova colección Escena Aberta, na que se recollerán todos os textos levados a escena pola compañía.

Como dramaturgo residente, Cándido Pazó tamén escribirá e dirixirá a terceira das producións da temporada que, baixo o título de A piragua, será representada a partir de abril. Coa elaboración desta peza, afondarase nunha experiencia de creación na que, a partir dunha simple anécdota, se desenvolva un discurso dramático que leve ao espectador a descubrir a liña argumental principal, que neste caso xirará arredor da violencia doméstica.

OUTRAS LINGUAXES

O Centro Dramático Galego incidirá igualmente na súa aposta polas novas linguaxes escénicas coa coprodución do espectáculo Kamikaze xunto á compañía de recente creación PistaCatro, especializada no denominado novo circo. Con esta iniciativa, recupérase ademais o sistema de coprodución con grupos privados, que xa fora empregado nos primeiros tempos da compañía pública, a través do que o CDG apoiará ao sector teatral privado ao tempo que abrirá as súas portas a innovadoras propostas escénicas.

Kamikaze ensamblará as experiencias e coñecementos dos seus intérpretes, procedentes do circo, do teatro e da música, para dar forma a un espectáculo que, baixo a dirección de Hernán Gené, será estreado en xuño de 2007.

SALÓN TEATRO

Nesta temporada 2006-2007, a xestión do Salón Teatro recaerá directamente na estrutura de funcións do CDG. A prioridade é converter a este histórico espazo compostelán nun referente da exhibición escénica, tanto para a cidade de Santiago e a súa área metropolitana como para o resto de Galicia, mediante unha programación continuada, plural e de calidade.

Con este obxectivo, deseñouse o cartel do último trimestre do ano, que dará comezo coa exhibición de O regreso ao deserto do 20 de outubro ao 19 de novembro, trala que o Salón Teatro acollerá varias das proxeccións de Cineuropa (do 21 ao 30 de novembro), a gala final do Certame de Creación Coreográfica de Galicia (25 de novembro) e os espectáculos El señor Ibrahim y las flores del Corán, coproducido por Uroc Teatro e o Centro Dramático Nacional (2 e 3 de decembro); Lorca eran todos, da compañía Fila 7 (16 e 17 de decembro), e Woyzeck, a cargo do Teatro Nacional San Joao (21 e 22 de decembro). Esta programación rematará coa Semana de Teatro Infantil, que se celebrará do 26 ao 30 de decembro.

A actividade do Salón Teatro contará, así mesmo, cun lugar destacado na nova web que o Centro Dramático Galego porá en marcha esta temporada para ofrecer información puntual sobre as súas actividades. A través deste novo espazo en Internet, a compañía abrirá unha canle de comunicación directa e de relación dinámica cos espectadores e profesionais do sector escénico.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal