AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

QUICO CADAVAL E DANIEL ABREU ASESORARON O PROXECTO CREATIVO DESTA PROPOSTA QUE O CDG ABRE MAÑÁ AO PÚBLICO

Pablo Fidalgo e Estefanía García presentan a residencia artística para "A democracia" antes da súa estrea en La Casa Encendida

[02/07/2009] Pablo Fidalgo e Estefanía García abren mañá ao público o resultado do seu traballo creativo para o seu espectáculo A democracia mediante unha presentación que terá lugar ás 17.00 horas na nave da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) no compostelán polígono de Costavella. Os dous creadores e intérpretes desde proxecto, artistas residentes do Centro Dramático Galego (CDG), amosarán o proceso de ensaio e composición desta proposta escénica como avance á estrea oficial que terá lugar en La Casa Encendida de Madrid o próximo mes de outubro.

A democracia

O tándem Fidalgo/García traballou nos últimos meses na recompilación e investigación de material textual e escénico para A democracia , procedemeto no que participaron o autor e director de escena galego Quico Cadaval e o bailarín de orixe canaria asentado en Madrid Daniel Abreu. Trátase do primeiro proxecto desenvolvido polo CDG dentro do Programa Artistas en Residencia 2009, que conta, ademais, co apoio de entidades como o Aula de Danza de la Universidad de Alcalá de Henares, Cal Estruch (Sabadell), La poderosa (Barcelona) e La animal a la esquena (Girona).

"Somos nós e nunca seremos outros. Saímos a escena para falar de amor e para pegarnos na cara. Saímos a escena para que os nosos corpos se marquen e se distingan. Mostramos o corpo espido, describimos as nosas feridas, ofrecemos o corpo para calquera cousa, para quen o necesite. Ofrecemos o corpo á noite e ao día que a segue. Ofrecemos a forza da nosa xuventude para empezar a pensar doutro xeito...", son algunhas das ideas sobre as que os creadores reflexionan na súa proposta.

Traxectorias profesionais

Pablo Fidalgo é dramaturgo, actor e poeta, formándose en interpretación e dramaturxia na RESAD de Madrid. É membro da compañía La Tristura para a que escribiu, xunto a Celso Jiménez, as obras La velocidad del padre, la velocidad de la madre (2006) e Años 90 , nacimos para ser estrellas (2008), premiada no Injuve Propuestas Escénicas 2008. As dúas obras están publicadas na colección Pliegos de teatro y danza e foron presentadas en El canto de la cabra, La Casa Encendida, Antic Teatre, Teatro Ensalle, La Fundición e Teatro de los Manantiales. É autor do caderno de poemas A idade do ar , accésit do Premio Minerva, da peza teatral Semmelweis , do relato Viajes fundamentales , publicado na Antoloxía Sobre tierra plana, e do vídeo Cada vez que intentes engañarme volveré a casa. Foi poeta convidado ao Festival Internacional de Poesía Cosmopoética (Córdoba, 2007) e en novembro de 2009 participará no Congreso de Novas Dramaturxias no Centro Párraga en Murcia. É crítico da revista Poesía digital.

Estefanía García estudou no departamento de danza da Universidade París 8 en Artes do Espectáculo Coreográfico e é licenciada en Psicoloxía na Universidade de Valencia. Ten realizado cursos con Rafael Ricart (investigación e creación e butô), coa compañía Rara avis de Andrés Corchero e Rosa Muñoz (coreografía), Juha Marsalo, Teatro de los Sentidos (poéticas sensoriais), Los Que Quedan, Chantal Yzermans (coreografía), Gisèle Vienne (dramaturxia e corpos artificiais) e coa compañía Pippo Delbono. Entre os seus traballos, destacan a performance 12 fragmentos de una cronología del azar , estreada na primeira edición do Festival Valetudo Artístico de Valencia, e o proxecto fotográfico Somos espectáculo , presentado na exposición "Ghost Track" na Accademia Albertina delle Belli Arti en Torino, ambos os dous en colaboración coa artista plástica Michela Depetris. Crea a performance Jule et Stéphan con Julie Bourgeois, presentada na sala Glazart de París. En Madrid presentou no teatro El canto de la cabra a peza breve La caída de Gerry coa bailarina Maryluz Arcas. O seu último traballo é unha peza creada con La Tristura sobre a memoria histórica española titulada Acciones para un nuevo mundo, que foi presentada no madrileño Teatro Alfil.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal