AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

TERÁN LUGAR DO 1 AO 5 DE SETEMBRO, ENTRE AS 17.00 E AS 21.00 HORAS

O compositor Xabier Mariño abre ao público a súa residencia no Centro Dramático Galego cunha instalación interactiva no MARCO de Vigo

[31/08/2009] O MARCO (Museo de Arte Contemporánea) de Vigo acollerá do 1 ao 5 de setembro, de 17.00 a 21.00 horas, cinco xornadas de portas abertas nas que o compositor Xabier Mariño compartirá cos asistentes o seu proxecto Identidades, inserido dentro do programa Artistas en Residencia do Centro Dramático Galego. Este encontro co público forma parte intrínseca do propio proceso de creación, materializándose nunha instalación interactiva que combina performance, videocreación, música electroacústica e escultura.

Identidades

Xabier Mariño conta coa colaboración da artista visual Ana Moya e do escultor César Orrico para desenvolver esta residencia de catro semanas no MARCO, centrada fundamentalmente na aplicación de novas tecnoloxías no ámbito artístico. Pensado como un laboratorio de ideas e/ou de investigación, o proceso propicia a interactividade co público a través dun software específico para este proxecto: o movemento dos espectadores altera en tempo real a música, a reprodución dos vídeos ou o carácter da escultura, entre outros elementos que integran esta instalación.

Identidade colectiva e individual

O obxectivo é compoñer un lugar virtual onde, en certa maneira, estea reflectida tanto a identidade da cidade como a individual de cada un dos visitantes, ademais da interacción do público coa obra e da obra co público. Así, tal e como sinala o propio Xabier Mariño, neste espazo virtual non existen idades, sexos nin razas, "só individuos en contacto cunha proposta artística e a súa interacción con ela".

Ao mesmo tempo, no proceso ábrense as portas para a utilización da tecnoloxía que forma parte deste laboratorio de investigación, dando lugar a unha "libraría" de ferramentas que poden ser empregadas no ámbito da danza, teatro e/ou música contemporánea.

O compositor Xabier Mariño iniciou a súa formación no Conservatorio Reveriano Soutullo de Ponteareas e no Conservatorio Superior de Música do País Vasco "Musikene". Estudou, así mesmo, técnicas de composición con medios electroacústicos e para medios audiovisuais cos compositores Gabriel Erkoreka, Ramón Lazkano, Stefano Scarani e Cristophe Havel, entre outros.

Foi seleccionado para participar nos Encontros de Composición para Cuartetos de Corda con Nicolás Bacri no Conservatorio Nacional Rexional de Bayonne (Francia) e no Encuentro Iberoamericano de Composición Musical Injuve 2007 cos mestres Jesús Rueda, Hilda Paredes, Phillippe Hurel e Poul Ruders.

Como compositor, realizou obras para diversas formacións instrumentais con medios electroacústicos e audiovisuais, entre as que destacan Concerto para saxofón e 7 instrumentos, seleccionada para a edición da partitura dentro da serie Ars Gallaecia Musicae; Musika-lur, teatro musical realizado durante a súa estadía como compositor residente da E.G.O. (Xove Orquestra de Euskadi); A sombra do sol, encargo do I Festival Internacional de Música de Cámara de Galicia Cameralia 07 ou Cantos de Reis, encargo da Orquestra Sinfónica de Musikene de San Sebastián. É compositor asociado das agrupacións Krater Ensemble (Euskadi) e Fonos 21 (Galicia).

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal