AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

TRALO ÉXITO DE PÚBLICO E CRÍTICA NA SÚA ESTREA EN FERROL, ESTE ESPECTÁCULO DE GRAN FORMATO EXHIBIRASE EN COMPOSTELA DO 7 AO 18 DE OUTUBRO

O Salón Teatro acolle 12 funcións do musical de Teatro do Noroeste "Glass City (Cidade de Cristal)"

[01/10/2009] O Salón Teatro acollerá a partir da próxima semana un total de 12 funcións do novo espectáculo de Teatro do Noroeste, o musical Glass City (Cidade de Cristal), que chegará a Santiago tralo éxito de público e crítica acadado na súa estrea en Ferrol. Eduardo Alonso é o autor e director desta obra de gran formato, con música en directo e interpretada por 14 actores e músicos, que abre a nova temporada do escenario que xestiona o CDG.

Glass City

As representacións de Glass City desenvolveranse do 7 ao 18 de outubro, con catro pases para escolares (os días 7, 8, 14 e 15, ás 10.30 horas) e oito para público xeral os días 8, 9, 10, 11, 15, 16, 17 e 18 de outubro (de xoves a sábado, ás 20.30 horas e os domingos, ás 18.00 h). As entradas para asistir a estas últimas funcións xa están á venda na billeteira electrónica a través da web http://taquilla.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43.

Presentación da programación trimestral

O último espectáculo da compañía compostelá é a primeira das propostas escénicas que conforman a nova programación trimestral do Salón Teatro, que será presentada neste mesmo espazo o vindeiro martes día 6, ás 11.30 horas, polo director da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), Juan Carlos Fernández Fasero.

A acción de Glass City, ambientada na Coruña de 1958, transcorre durante as vacacións do xeneral Franco e a súa familia no Pazo de Meirás. Así, o concurso de cancións Trampolín de Estrelas, a chegada da música moderna grazas ás juke box ou un plan para atentar contra Franco son algúns dos feitos que forman parte da trama.

Bernardo Martínez encárgase da composición e da dirección musical, Chedes Súarez asina a coreografía e Paco Conesa a escenografía e vestiario desta montaxe, interpretada por Xan Casas, Fernando Tato, Julia Méndez, Julia Sánchez, Christian Escuredo, Fernando González, Brandán Lourenzo, Ramón Orencio, Brais Morán, Xavier Estévez, Maxo Barjas, Monti Castiñeiras, Luma Gómez e Carlos Mosquera ‘Mos’.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal