AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A COMPAÑÍA PÚBLICA CONCLÚE O SEU PROGRAMA DE RESIDENCIAS ARTÍSTICAS PARA 2009

Os artistas circenses Georgina Domingo e Julien Vittecoq amosan o proxecto creativo "Aïe" como residentes do Centro Dramático Galego

[07/10/2009] Os artistas circenses Georgina Domingo e Julien Vittecoq, dúo fundador da compañía de novo circo franco-catalá Cridacompany, amosarán mañá diante do público o resultado do traballo creativo que viñeron desenvolvendo nas últimas semanas dentro da súa residencia artística no Centro Dramático Galego. A sede da escola Circonove, ubicada no polígono de Novo Milladoiro (Ames), acollerá a partir das 20.00 h e como espazo asociado a esta iniciativa da AGADIC, un primeiro avance da peza que levarán aos escenarios baixo o título de Aïe.

Aïe

Durante todo o mes de setembro, Domingo e Vittecoq utilizaron as devanditas instalacións como lugar de traballo. Así, identificaron en primeiro lugar unha serie de elementos básicos para iniciar a creación, tales como os instrumentos, os obxectos de circo ou a música, para, a continuación, perfilar a dramaturxia, as coreografías, as acrobacias e as situacións dramáticas. Xa nunha segunda fase, o labor centrouse na escrita do traballo corporal, musical e xestual previo á posta en escena. En todo o proceso tiveron como colaborador a Nicolas Arnauld.

Aïe é a sexta e última das residencias apoiadas este ano polo CDG, que ofrece aos artistas seleccionados a oportunidade de contar cun espazo de traballo, así como co apoio artístico e técnico necesario para levar adiante as súas propostas de creación e investigación escénica. As outras sedes do devandito programa foron a nave da AGADIC en Santiago, que acolleu os proxectos A democracia, de Pablo Fidalgo e Estefanía García; Corpo-puta-vaca-berro, de Gena Baamonde, Eva Freixeira e Vanesa Sotelo; e Rewind, de Borja Fernández e Uxía P. Vaello, e o Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo, onde La Canalla traballou no seu laboratorio PlayGround_textilín progress e Xabier Mariño na instalación multimedia Identidades.

En todos os casos, os artistas tiveron a oportunidade de intercambiar experiencias con outros profesionais e de ter un primeiro contacto cos espectadores a través de mostras públicas do seu traballo.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal