AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O CDG PARTICIPA NESTA INICIATIVA, NA QUE COMPETIRON 149 PROXECTOS

As propostas de Duelirium e Raquel Veganzones, finalistas para o programa Xóvenes Talentos do Circo Europeo

[19/11/2009] A compañía Duelirium, coa obra titulada Aviadoras ; e a creadora Raquel Veganzones con Losing Grip , resultaron seleccionadas como finalistas para pasar a formar parte da carteleira artística de Xóvenes Talentos do Circo Europeo, un programa financiado pola Unión Europea (UE) que ten por obxectivo promover e incentivar o traballo dos artistas emerxentes dentro da categoría de novo circo como xénero escénico. O Centro Dramático Galego (CDG) participa nesta iniciativa xunto a outras doce entidades con sede en catro grandes áreas xeográficas europeas.

Imaxe do dúo Duelirium

As dúas propostas galegas competiron con outras 147 candidaturas procedentes dos cinco países que integran este proxecto: España, Francia, Finlandia, Bélxica e Reino Unido. Na reunión do comité de selección, celebrada en Bruxelas, escolléronse 30 montaxes finalistas, que pasarán á seguinte e última fase do proceso. Esta consistirá na execución en directo de cada proposta diante do xurado internacional. Realizaranse 5 presentacións, cada unha con 6 dos proxectos inicialmente seleccionados e en cada unha das sedes dos cinco socios principais do programa. No caso do CDG, a mostra realizarase en Santiago de Compostela os vindeiros 30 e 31 de xaneiro de 2010.

Financiación de 200.000 eurose

A Comisión Europea da UE aprobou en abril deste ano o apoio económico ao programa Xóvenes Talentos do Circo Europeo por un importe total de 200.000 euros para o bienio 2009-2010. Encabezado polo centro francés Jeunes Talentes Cirque, están asociados tamén ao mesmo o Cirko-Uden Sirkusken Keskus Ry de Finlandia, a Vlaamse Organisate Voor Circuskunsten de Bélxica e o Crying Out Loud Lt. do Reino Unido.

Todos os socios está a traballar no fornecemento da creación e da mobilidade dos xóvenes artistas, na difusión da arte circense e na promoción do diálogo intercultural. Entre as actividades previstas, destacan as destinadas a favorecer a circulación das pezas de creadores emerxentes por toda Europa, así como presentacións públicas e outras accións dirixidas especialmente á proxección do circo nos medios de comunicación.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal