AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A COMPAÑÍA DE ANA VALLÉS REALIZOU UNHA SEMANA DE RESIDENCIA ARTÍSTICA NO ESPAZO DO CDG

Matarile ofrece no Salón Teatro un ensaio aberto de "Cerrado por aburrimiento" antes da estrea na Coruña

[23/11/2009] Matarile Teatro ofrecerá mañá martes 24 de novembro, ás 21.00 horas, no Salón Teatro de Santiago, un ensaio aberto da súa nova produción, Cerrado por aburrimiento , como actividade previa á súa estrea o venres 26 no Teatro Colón Caixa Galicia da Coruña. O pase, que se realizará diante de público convidado, porá o colofón á semana de residencia artística desenvolvida pola compañía compostelá no escenario que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG), durante a que se efectuaron os últimos axustes técnicos e artísticos do espectáculo.

En Cerrado por aburrimiento , Ana Vallés dirixe unha nova proposta escénica de creación colectiva, construída a partir de textos propios, dos demais membros da compañía e de Fernado Pessoa (Antoloxía de Álvaro Campos), Rilke, Séneca e Shakespeare. A directora asume tamén parte da interpretación xunto a José Campanari, Xan Cejudo, Alba Fernández, Mónica García, Mauricio González, Ricardo Santana e Sofía Sarmento.

Seguindo a liña dos seus últimos traballos, Vallés compón un elenco integrado por intérpretes de distintas procedencias xeográficas e artísticas para desenvolver sobre o escenario unha actuación non só teatral, senon tamén musical e de danza.

Despois do ensaio aberto no Salón Teatro, Cerrado por aburrimiento estrearase oficialmente no Teatro Colón Caixa Galicia da Coruña (27 e 28 de novembro) e realizará funcións en Valladolid (4 de decembro, Sala Ambigú), Ferrol (20 de decembro, Teatro Jofre), Santiago de Compostela (29 e 30 de xaneiro, Teatro Principal), A Estrada (19 de febreiro, Teatro Principal), 21 de febreiro (Ourense, Teatro Principal) e Narón (15 de maio, Pazo da Cultura).


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal