AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ACTUARÁN CINCO COMPAÑÍAS ENTRE O 26 E O 30 DE DECEMBRO

O Salón Teatro acolle no Nadal unha mostra de teatro e danza para público infantil

[07/12/2009] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá do 26 ao 30 de decembro a Mostra de Teatro Infantil de Nadal, na que cinco compañías escenificarán os seus últimos espectáculos especialmente deseñados para público familiar. Organizada polo Centro Dramático Galego (CDG), participarán no ciclo os grupos galegos Trompicallo e Caramuxo, o colectivo de danza catalá Àngels Margarit / Cía. Mudances, o portugués Teatro de Montemuro e a compañía A Priori Producciones, procedente de Guadalaxara.

Imaxe de "Os Bolechas"

Será Trompicallo Teatro quen abrirá esta programación o mércores 26 con Violeta Coletas contra as Salchichas Gulp! , unha montaxe de monicreques de xénero eminentemente cómico e para toda a familia. A última produción da compañía, unha das máis consolidadas no panorama dos títeres en Galicia, preséntanos a unha nena que quere crecer porque non lle gusta que lle digan o que ten que facer. Diferentes técnicas de manipulación de bonecos mestúranse para acadar un espectáculo dinámico e divertido no que Violeta terá que recuperar ao seu irmán a través dunha viaxe fantástica.

Caramuxo Teatro representará o día 27 Os Bolechas , obra baseada nos populares personaxes ideados por Pepe Carreiro, que protagonizan agora unha comedia musical. A través de monicreques asistiremos a un día na vida desta divertida familia, coñeceremos as ocorrencias do pequeno Tatá, as travesuras de Chispa, a Braulio e Sonia, as xemelgas Pili e Loli; e a Carlos, o máis vello dos irmáns.

A danza chegará á Mostra o día 28 con Àngels Margarit / Cía. Mudances e a peza Flexelf . O espectáculo, dirixido a nenos e nenas maiores de 4 anos, nace da palabra "flexelf", que á súa vez nace do movemento dun punto que se converte en liña, se enrosca, se reflicte e se repite. Todo o que hai en flexelf móvese, dóbrase ou engúrrase; cada forma transfórmase e convida a viaxar, a descubrir que non todo é o que parece ou a inventar que parece o que vemos.

Aprender a facer o pan

Os portugueses Teatro de Montemuro chegarán o martes 29 ao Salón Teatro con Mãos Grandes , unha peza especialmente concibida para un público menor de 8 anos que conta a vida dun panadeiro que visita a historia do pan desde a antigüidade até a actualidade, explicando como aprendeu a facer o pan tal e como a súa nai lle instruíu. Coloridos personaxes divertidos dun palmo e medio de estatura dan vida a un espectáculo divertido, accesible e tamén educativo.

A compañía de Guadalaxara A Priori Producciones será a encargada de pechar a Mostra de Teatro Infantil de Nadal o mércores 30 con El Sable y la Paloma , obra estreada co gallo do 50 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humáns. No espectáculo, un soldado e unha fada comparten as horas previas a unha batalla. El, un malhumorado capitán, prepárase para se enfrontar a todo un exército. A fada quere concederlle un desexo, pero antes tentará contaxiarlle o seu respecto pola igualdade.

Traballo corporal e con obxectos

Como actividade complementaria á representación no Salón Teatro da montaxe Flexelf , Ángels Margerit e outros membros da compañía impartirán un obradoiro infantil que constará de dúas partes: a primeira dedicada á confección dun caderno a partir das ideas que se manexan no espectáculo; e a segunda, ao traballo corporal en grupo e con obxectos. O taller terá lugar o propio luns 28, de 11.00 a 13.30 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela.

As inscricións deben formalizarse chamando ao teléfono do CDG 981 581 111 en horario de 9.00 a 14.00 horas. Hai un total de 30 prazas dispoñibles, para familias e grupos de nenos e nenas que se cubrirán por orde de inscrición. A matrícula é gratuíta.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal