AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O CONCERTO DO GRUPO DE BROOKLYN, CONSIDERADO UNHA DAS PROMESAS DA ESCENA "UNDERGROUND" NORTEAMERICANA, DARÁ COMEZO ÁS 22.00 H

A banda estadounidense Woods actúa mañá no Salón Teatro dentro do Festival Sinsal

[09/12/2009] O Salón Teatro acolle mañá xoves día 10, ás 22.00 horas, unha nova cita coa música de vangarda da man do grupo norteamericano Woods, co que se clausura a programación de 2009 da extensión do Festival Sinsal en Santiago. Considerada como unha das promesas do underground estadounidense, a banda de Brooklyn visita Compostela dentro da xira na que está a presentar o seu último traballo discográfico, Songs of Shame, onde volve facer gala dunha mestura de sons e estilos que a crítica define como folk alternativo con tinturas psicodélicas.

Woods

O de Woods será o sexto concerto do ano no marco da extensión compostelá do Sinsal, un certame estacional que, grazas á colaboración dos organizadores do festival co Centro Dramático Galego (CDG), tamén ofreceu no Salón Teatro as actuacións do californiano Jeremy Jay, do grupo británico Pram e da banda italiana Larsen acompañada da cantante de Nova York Little Annie, así como dúas citas co "folk apocalíptico" de Current 93.

Nova visión do lo-fi

Liderada por Jeremy Earl, revitalizador da escena underground de EE.UU. a través dos seus selos Fuck It Tapes e Woodsis, a banda Woods ten alcanzado nos seus pouco máis de catro anos de traxectoria unha destacada posición nos círculos do pop-rock alternativo coa súa combinación de folk campestre, rock, pop, lo-fi, noise e psicodelia.

Songs of Shame (Woodsist, 2009) é o seu cuarto álbum, onde sobresaen os ecos, as guitarras distorsionadas e as harmonías improvisadas, mesturadas con pinceladas psicodélicas e o lo-fi que caracterizaba os seus anteriores traballos: How to Survive in/in the Woods (2005), At Rear House (2007) e Some Shame (2008). Woods ofrecerá no Salón Teatro o primeiro dos seus concertos en España, xa que a continuación viaxará ata Madrid e Barcelona como parte do amplo cartel do festival Primavera Club.

Tentando explorar o lado máis alternativo do folk, Jeremy Earl e Christian DeRoeck, da banda rock Meneguar, reuniron algúns amigos e foron ao bosque, aos pes da Montaña Bear, a tocar. Así naceu a banda Woods (en inglés, bosque).

Nos primeiros tempos, era un grupo de colaboracións improvisadas con dous membros principais e varios convidados, coñecidos como "woodsists". Pouco despois, Jeremy Earl e Christian DeRoeck comezaron a crear melodías, a golpear un tambor e a fabricar un rudimentario tocadiscos con pezas soltas de bicicletas. As casetes eran os soportes de gravación das súas sesións, ás que pouco a pouco foron incorporándose outros "woodsists".

O resultado é Woods, cancións e improvisacións realizadas por xente fóra do sistema e inspiradas pola experiencia humana. Ademais, a súa particular visión da autoedición fai de Jeremy Earl e do seu grupo unha das referencias dos novos canles do indie norteamericano.

Venda de entradas

As entradas para asistir ao concerto de Woods poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Tamén poden adquirirse por anticipado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).

Fundado na cidade de Vigo no ano 2003, o Festival Sinsal celebrou este 2009 a terceira edición da súa extensión no Salón Teatro mantendo a súa aposta polos sons contemporáneos, a música alternativa e os proxectos máis arriscados do panorama internacional. O certame sirve, así mesmo, de plataforma para presentar apostas menos coñecidas, pero de igual importancia artística, e outros proxectos relacionados co fenómeno sonoro.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal