AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A NOVELA DE ALEJANDRO PALOMAS FOI ADAPTADA POR ROBERTO SALGUEIRO E CONTA CON DIRECCIÓN ESCÉNICA DE ROSA ÁLVAREZ

A compañía Lagarta Lagarta representa durante catro días no Salón Teatro "O segredo dos Hoffman"

[15/12/2009] A compañía galega Lagarta Lagarta ocupa esta semana o Salón Teatro de Santiago de Compostela coa súa última produción, O segredo dos Hoffman , unha adaptación de Roberto Salgueiro da novela homónima do autor catalán Alejandro Palomas. Con dirección escénica da coñecida actriz Rosa Álvarez, o cuarteto interpretativo que compoñen Xosé Barato, Ernesto Chao, Belén Constenla e Rebeca Montero ofrecerá catro funcións desta montaxe o xoves 17, o venres 18 e o sábado 19 ás 20.30 horas; e o domingo 20 ás 18.00.

O segredo dos Hoffman

O escenario que xestiona o Centro Dramático Galego continúa así co seu apoio á exhibición das producións escénicas galegas durante catro días continuados de representacións. A proposta de Lagarta Lagarta -que xa presentara tamén a pasada temporada no Salón Teatro a súa produción anterior, Aeroplanos - forma parte da carteleira de outono/inverno. Será a penúltima cita escénica do ano 2009, xa que este pecharase coa Mostra de Teatro Infantil de Nadal do 26 ao 30 de decembro.

A dos Hoffman é a historia emocional dunha familia, composta por un avó, a súa filla e dous netos, rota por un segredo oculto durante máis de vinte anos. Reunidos con motivo do falecemento da avoa Constanza, deciden de súpeto achegarse, preguntar e confesar o que sempre temeron saber e escoitarse dicir. Os seus recordos, soños e anhelos describen un universo pechado e de enorme carga emotiva nun texto coral que debuxa unha historia intensa e envolvente.

Aprender a vivir o amor

O segredo dos Hoffman é un texto de Alejandro Palomas que resultou finalista do VII Premio de Novela Ciudad de Torrevieja e, posteriormente, foi publicado polo prestixioso grupo editorial Random House Mondadori. Para a posta en escena de Lagarta, Alfonso Parra encargouse da iluminación e o equipo ERRO asinou a escenografía e o vestiario. Marta Sacau exerceu como axudante de dirección e o espazo sonoro está composto por temas de Fran Pérez "Narf".

Para o autor, a obra «mergúllase nas coordenadas que vertebran a condición humana e que lle dá unha voz común e un só fin: aprender a vivir no amor polas cousas que realmente importan e facelo con valor, dende a emoción e tamén dende o amor».

Segundo a directora Rosa Álvarez, trátase dun espectáculo «positivo e luminoso» que «remoe neses mundos tan débiles e fráxiles do ser humano que nos fan mellores persoas, seres con capacidade de escoitar, de perdoar, de non se culpabilizar, de entender, de saber dicir "quérote", de sufrir e de amar». Álvarez destaca, ademais, que «é preciso recuperar uns códigos de respecto, de amor, de amizade, de intimidade, de segredos, de mentiras, de soidade, de maldade... Para saber quen somos realmente e non ir cara a unha sociedade neurótica».

Oito anos de Lagarta

Lagarta Lagarta é unha empresa de produción teatral nacida en 2001 por iniciativa de Ernesto Chao e Rosa Álvarez, dous actores de longa traxectoria profesional en Galicia. Segundo eles mesmos argumentan, trátase dunha compañía de actores fundada co espírito de facer aqueles espectáculos e proxectos aos que moitos actores e actrices esperan e desexan enfrontarse, pero que por diversas circunstancias non se puideron levar a cabo no seu momento. É, polo tanto, unha compañía que pretende estar aberta a todas aquelas propostas interesantes que poidan xurdir. Este é un dos motivos polos que Lagarta Lagarta non conta cun cadro de persoal fixo de profesionais (directores, actores, deseñadores, etc.), senón que en cada caso, en cada produción, se buscan os máis idóneos. Cartas de amor , Fobias , Carambola , As últimas lúas e Aeroplanos conforman as súas últimas producións.

As entradas para asistir ás catro representacións de O segredo dos Hoffman poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Tamén poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para as funcións do xoves, venres e sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal