AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

REPRESENTANTES DAS ASOCIACIÓNS DO SECTOR REÚNENSE MAÑÁ CO DIRECTOR DA AGADIC PARA PROPOÑER DOUS DOS VOGAIS DA COMISIÓN DE VALORACIÓN, SEGUNDO ESTABLECEN AS BASES

Ábrese ata o 15 de febreiro o prazo de recepción de candidaturas para a dirección do CDG

[28/01/2010] O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do concurso público para a contratación do novo director/a do Centro Dramático Galego (CDG), de xeito que os candidatos teñen de prazo ata o vindeiro 15 de febreiro para remitir as súas solicitudes á Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), entidade da que depende a compañía pública. En relación con este procedemento de selección, os representantes das principais asociacións profesionais do sector reuniranse mañá co director da AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero, para propoñer dúas persoas de recoñecido prestixio no ámbito das artes escénicas como vogais da comisión de valoración, tal e como establecen as bases.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas-Escena Galega, a Asociación Profesional de Danza Escénica de Galicia (Danesga), a sección galega da Unión Internacional de Marionetistas (Unima), a Asamblea Permanente de Compañías de Títeres, a Asociación de Magos de Galicia e a Asociación de Novo Circo e Cabaré son as entidades convocadas á devandita xuntanza para nomear a dous dos tres vogais integrantes da comisión que se encargará de valorar os méritos dos candidatos. A presidencia da mesma recaerá nun subdirector xeral da Consellería de Cultura e Turismo, designado polo conselleiro na súa calidade de presidente do Consello de Dirección da AGADIC, mentres que o vogal restante e o secretario serán persoal funcionario de carreira ou persoal laboral fixo da mesma Consellería.

Dirección artística e xestión

A persoa seleccionada por esta comisión, que será contratada baixo a modalidade de alta dirección cunha retribución bruta anual de 39.432,89 euros, encargarase tanto da dirección artística como da xestión da compañía pública. Ademais, entre as tarefas específicas encomendadas a este posto están as de coordinar e planificar a actividade das sedes ao seu cargo; formular o plan de programación anual do CDG e do Salón Teatro; dirixir a xestión ordinaria e desenvolver cantas outras funcións lle sexan especificamente encomendadas pola Dirección da AGADIC.

Tamén se ocupará das xestións necesarias para seleccionar e contratar ás empresas encargadas da produción dos espectáculos programados, así como dos artistas vinculados a cada proxecto. Deberá, así mesmo, impulsar acordos de cooperación e colaboración con outros centros análogos e cantas institucións públicas e privadas poidan coadxuvar á consecución dos fins do CDG.

Titulados universitarios

O candidatos deberán estar en posesión de titulación universitaria, en grao de licenciatura ou equivalente, ademais de cumprir outros requisitos taxados nas bases e achegar en tempo e forma toda a documentación requirida e o modelo de instancia publicado como anexo á convocatoria.

Entre os documentos que se solicitan figura unha memoria-proxecto de programación para tres temporadas escénicas, isto é, até xuño de 2013. A este escrito, que non poderá exceder de 30 páxinas e deberá ir presentado en sobre independente e pechado, outórgase a maior incidencia na posterior valoración dos méritos dos candidatos, xa que pode chegar a supoñer 20 puntos dun total de 90.

Ademais, tamén serán tidos en conta outros méritos como a acreditación de estudos de posgrao en xestión cultural, produción de artes escénicas, xestión empresarial, propiedade intelectual, economía e/ou dirección de recursos humanos, traxectoria profesional e dominio de idiomas.

O prazo para a resolución será dun mes. Se ningunha das candidaturas recibe un mínimo de 60 puntos sobre o máximo de 90 acadables, o concurso poderá ser declarado deserto.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal