AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

TEATRE LLIURE, TEATRO DO ATLÁNTICO, SALA MUNTANER, VOADORA E FAMILIE FLÖZ FIGURAN TAMÉN NA CARTELEIRA, ADEMAIS DOS CONCERTOS DE CASA DE FADOS, MONO E JUANA MOLINA

O Salón Teatro abre a súa nova programación trimestral co espectáculo "Saltimbanquis" de Teatro do Morcego

[10/02/2010] O Salón Teatro de Santiago inicia a partir de mañá un novo ciclo de programación trimestral coa posta en escena da última proposta de Teatro do Morcego, Saltimbanquis, un espectáculo musical especialmente pensado para público infantil e familiar (na imaxe). A compañía galega protagonizará as primeiras catro funcións do total de 21 que conforman esta carteleira, na que tamén figuran Après moi, le déluge de Teatre Lliure, O xogo de Yalta. Afterplay de Teatro do Atlántico, Genet-Las criadas de Sala Muntaner, Super8 de Voadora en coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) e Hotel Paradiso de Familie Flöz.

Saltimbanquis

Canto á oferta musical, o espazo que xestiona a compañía pública repite como sede da extensión compostelá do Festival Sinsal, coas actuacións da banda xaponesa Mono e da cantante arxentina Juana Molina, ademais de acoller un concerto da formación portuguesa Casa de Fados.

Actores e músicos en escena

Teatro do Morcego, compañía residente do Concello de Narón, ocupa esta semana o Salón Teatro cun espectáculo inspirado nun dos famosos contos dos irmáns Grimm, adaptado para a escena e dirixido por Celso Parada. Os actores Mundo Villalustre, Mighello Blanco, Iolanda Muíños e Blanca Cendán, acompañados do pianista Serginho Sales e das coristas Maite da Costa, Sena Hermida, Yolanda Lozano e Keke Díez, conforman o elenco desta obra que poderá verse mañá xoves ás 11.00 h e o venres 12 ás 10.15 horas (funcións concertadas con centros de ensino), o sábado 13 ás 19.00 horas e o domingo 14 ás 18.00 horas.

O protagonista de Saltimbanquis é un burro que, farto de ser explotado polo seu patrón, decide abandonar a facenda onde traballaba na procura de mellores condicións de vida. Durante o camiño, atopa un can e unha galiña que foxen polo mesmo motivo, xunto cunha gata á que botaron da casa por pasar a noite cantando. Unidos contra a tiranía dos seus donos, forman un conxunto musical e poñen rumbo cara á cidade dos soños.

A carteleira teatral proseguirá os días 20 e 21 de febreiro con dúas funcións de Après moi, le déluge, unha montaxe de Teatre Lliure en coprodución co Centro Dramático Nacional que reflexiona sobre as relacións entre o primeiro e o terceiro mundo. Dirixida por Carlota Subirós e interpretada polos veteranos actores Jordi Dauder e Vicky Peña, a emblemática compañía catalá pon en escena este texto de Lluïsa Cunillé, galardoado co Premio Lletra d'Or 2008 ao mellor texto teatral editado en catalán.

Entre o 4 e o 7 de marzo Teatro do Atlántico representará O xogo de Yalta. Afterplay, adaptación de tres textos de Antón Chéjov realizada polo autor irlandés Brian Friel coa que a compañía galega conmemora os seus 25 anos de traxectoria profesional. Baixo a dirección de Xúlio Lago, Damián Contreras e Victoria Pérez protagonizan a primeira parte da obra inspirada no relato A dama do canciño, mentres que no segundo acto, Friel reúne nun humilde café a Sónia Serebriakowa (interpretada por María Barcala) de Tío Vania e a Andrei Prozorov (Gonzalo M. Uriarte) de As tres irmás.

A compañía catalá Sala Muntaner presentará os días 13 e 14 Las criadas, obra do dramaturgo francés Jean Genet que marcou a súa entrada no chamado "teatro do absurdo". Seguindo unha indicación do propio autor, na montaxe de Manel Dueso os tres personaxes femininos son representados por homes: Isaac Alcayde, Oriol Genís e Xavier Pujolràs.

En coprodución co CDG

Xa en abril, a plataforma Voadora estreará no Salón Teatro (días 9, 10 e 11) Super8, espectáculo realizado en coprodución co Centro Dramático Galego. Marta Pazos é a directora e unha das intérpretes -xunto a José Díaz, Hugo Torres, Uxia P. Vaello e Sergio Zearreta- desta segunda parte da triloxía Lugares comúns, que Voadora inaugurou en 2008 con PeriFeria. Se esa primeira proposta situábase no presente, centrándose no tema do fracaso, Super8 trasládase ao pasado para falar da memoria a través duns personaxes que se debaten entre a obsesión por recordar e a importancia de esquecer.

O Salón Teatro será, asemade, unha das sedes do XVI Festival Internacional de Teatro Universitario que se celebrará en Santiago do 12 ao 18 de abril, tralo que os días 23 e 24 acollerá á compañía alemá Familie Flöz e o seu Hotel Paradiso, unha peza de teatro de máscaras, sen texto, con catro actores interpretando a unha infinidade de personaxes. No espectáculo mestúranse moi diversas disciplinas escénicas que dan como resultado un xénero propio e difícil de clasificar, co que a formación recibiu o recoñecemento internacional.

Catro citas musicais

O día 24 de febreiro celebrarase o recital Homenaxe a Rosalía, promovido pola Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura para conmemorar o 173 aniversario do nacemento da poetisa, como a primeira das citas musicais dunha carteleira, na que tamén destaca a actuación de Casa de Fados o 27 de marzo. Creada especialmente para a película Fados de Carlos Saura, esta formación portuguesa consolidouse como unha das máis relevantes no seu xénero, presentando un espectáculo no que primeiras figuras actúan xunto a novas promesas, recoñecidas xa como herdeiras dos grandes fadistas, como Amalia Rodrigues ou Carlos do Carmo.

Así mesmo, o Salón Teatro converterase por cuarto ano consecutivo na sede en Santiago do Festival Sinsal, un encontro de referencia en Galicia para a música de vangarda. Esta nova edición da súa extensión compostelá dará comezo o xoves 11 de marzo co concerto do cuarteto Mono, unha das formacións máis interesantes do panorama independente xaponés. A banda, situada dentro do espectro do post-rock máis instrumental e narrativo, estará acompañada por Joe McPhee & Chris Corsano como artistas convidados. Saxofonista e percusionista respectivamente, estes dous músicos asinan unha das colaboracións máis aplaudidas do free-jazz contemporáneo.

O xoves 29 de abril será a quenda da cantante arxentina Juana Molina, da que a crítica destaca os ambientes envolventes e hipnóticos creados pola súa voz austera e volátil en combinación cunhas melodías que transitan entre a guitarra e a electrónica. Os seus directos son, ademais, un auténtico work in progress nos que, axudándose de pedais, as cancións van crecendo ante o público.

Venda anticipada de entradas

Nestes momentos, xa está dispoñible a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43 a venda anticipada de localidades para os espectáculos Saltimbanquis de Teatro do Morcego e Après moi, le déluge de Teatre Lliure, así como para os concertos de Mono e Juana Molina.

Ademais, as entradas para asistir ao espectáculo de Teatro do Morcego poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro o vindeiro sábado de 17.00 a 19.00 horas e o domingo de 16.00 a 18.00 horas. O seu prezo é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal