[16/03/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) pon en marcha o programa de concertos "ST Música Presente", dirixido á promoción de traballos discográficos galegos de todos os estilos diante dun público especializado, coa actuación que o grupo Linho do Cuco ofrecerá o vindeiro xoves 18, ás 20.30 horas, no Salón Teatro. O espazo compostelán será a sede deste novo ciclo, que na súa primeira entrega acollerá outros cinco directos a cargo de Anxo Lorenzo (24 de marzo), Emilio Rúa (26 de marzo), Álvaro Vieito Cuarteto (20 abril), Ophiusa (27 de abril) e BellónMaceiras Quinteto (30 de abril). O público xeral tamén poderá acceder a estes concertos, sempre en función do aforo finalmente dispoñible.
A iniciativa, deseñada e promovida pola entidade da Consellería de Cultura e Turismo en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), foi presentada hoxe polo director da AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero, quen estivo acompañado de Carlos Montilla, de Nonsí? Servizos Culturais; Roi Maceda, de Zouma Records; Mercedes Pérez Sanjurjo, de Nalgures Producións, e Lolí Perez, de Abada Xestión Cultural, en representación das empresas promotoras -xunto con Falcatruada Imaxe e Música- das primeiras seis actuacións.
Perspectiva comercial
A prioridade deste programa é ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas dende unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos serán programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia.
Porén e como parte da carteleira do Salón Teatro, os concertos abriranse tamén ao público xeral en función do aforo dispoñible en cada caso. A venda anticipada de entradas xa está operativa a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43, mentres que o despacho de billetes do teatro estará aberto dende dúas horas antes do comezo de cada actuación. Para as citas deste programa, que en todos os casos darán comezo ás 20.30 horas, establécese unha tarifa especial única de 5 euros por localidade.
"ST Música Presente" regresará con novos concertos promocionais tralo verán, de acordo coa vontade da AGADIC de acoller no Salón Teatro todos os concertos de artistas galegos que se soliciten dentro deste formato. As propostas dirixiranse prioritariamente á presentación de novos traballo discográficos, aínda que tamén poderá ter cabida a organización de eventos musicais de carácter extraordinario, ben por unha especial combinación de artistas, ben pola execución dun repertorio especial.
Variedade de estilos
A música popular, a canción de autor, o jazz o folk tradicional e o folk fusión serán os estilos protagonistas deste primeiro ciclo de concertos, que inaugura o vindeiro xoves Linho do Cuco coa presentación en directo do seu disco 3. O segundo traballo do grupo da Estrada, que tras 15 anos de traxectoria ocupa xa un lugar destacado no panorama da música tradicional, ofrece unha revisión do repertorio de banda de música peneirado con melodías de autor que forman parte da tradición popular e con pinceladas de música centroeuropea. Os asistentes á actuación do Salón teatro poderán comprobar, así mesmo, a forza que a particular composición de Linho do Cuco -unha especie de charanga tradicional á que se lle engaden sonoridades coma as da zanfona ou o acordeón diatónico- lle confire aos seus directos.
O programa continuará co gaiteiro de Moaña Anxo Lorenzo, que chegará ao Salón Teatro o 24 de marzo trala recente edición de Tirán, título que sinala así mesmo o seu debut discográfico en solitario. O 26 de marzo será a quenda do cantautor ourensán Emilio Rúa, que se atopa promocionando Interior, o seu terceiro disco.
Xa en abril, "ST Música Presente" ofrecerá o día 20 un concerto de jazz a cargo de Álvaro Vieito Cuarteto para presentar Introducing, outro disco de debut que neste caso inaugura, ademais, una nova colección discográfica de Falcatruada especializada nas novas propostas do jazz galego baixo o título xenérico de Azos.
O folk tradicional e o folk fusión marcarán a recta final deste primeiro ciclo coas actuacións de Ophiusa (27 de abril) e BellónMaceiras Quinteto (30 de abril), respectivamente. No directo da banda compostelá Ophiusa soarán os temas do seu segundo traballo de estudio, Sin planeta, mentres que o gaiteiro Daniel Bellón e o acordeonista Diego Maceiras presentarán Folkfusión, o primeiro disco resultante do proxecto musical que lideran.