[18/03/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e Turismo inicia o programa CREATIVA para 2010 coa colaboración co festival Play-Doc de Tui no desenvolvemento dun taller-seminario para novos realizadores e outras actividades conxuntas de difusión da industria audiovisual de Galicia e do Norte de Portugal. Baixo o título O retrato filmado #02 o retrato memoria, o obradoiro centrará a participación de CREATIVA no certame internacional de cine documental tudense, dentro do que se levarán a cabo, ademais, outras accións conxuntas, tales como un concerto a cargo da banda lisboeta Batida, a incorporación de Darío Silva Oliveira -director do prestixioso Festival Internacional de Curtas de Vila do Conde- ao xurado internacional ou a proxección da película Luanda, a fábrica da música, da portuguesa Inés Gonçalves e Kiluanje Liberdade.
A través de CREATIVA, a AGADIC e a Direccão Regional de Cultura do Norte (do Ministèrio de Cultura de Portugal), levan adiante un programa cultural interdisciplinar iniciado en decembro de 2009 con catro foros de debate e intercambio (sobre artes escénicas, audiovisual, música e produto gráfico) celebrados en Vigo. Co financiamento a cargo de fondes FEDER da Unión Europea, o proxecto avanzará no presente ano na súa efectividade integradora e de creación de sinerxías de traballo común entre as poboacións asentadas a ambas beiras do Miño.
Longa traxectoria de intercambio
A participación no Play-Doc, que se celebra do 17 ao 21 marzo, é a primeira entrega de CREATIVA 2010. Non en van, o festival comparte o obxectivo fundamental que preside todo o plan de traballo de CREATIVA, como é a necesidade de intercambio e colaboración trasnacional na consideración da cultura como factor básico de desenvolvemento territorial e económico. Nos seus seis anos de celebración, o Play-Doc mantén unha decidida traxectoria de relación con Portugal, a través de ciclos especiais, retrospectivas, foros, talleres, proxectos de formación e concertos, todos eles protagonizados por creadores e artistas do país luso. Tamén é habitual a interacción na promoción con outros festivais portugueses, como Black&White, Fantasporto, IndieLisboa ou DocLisboa.
A incursión de CREATIVA no próximo Festival de Cans (O Porriño); o I Foro Galego-Portugués de Clown e Novo Circo, que terá lugar na Estrada; a exposición Camiño Sonoro, que se amosará en Ourense; varias accións de danza nas rúas de Pontevedra, a visita de axentes culturais galegos a distintos espazos escénicos de referencia do Norte de Portugal, ou unha nova edición dos foros empresariais sectoriais son algunhas das iniciativas previstas pola AGADIC para os vindeiros meses dentro deste programa.
Retrato memoria
O obradoiro O retrato filmado #02 o retrato memoria desenvólvese no marco do Play-Doc até o 21 de marzo, dirixido a realizadores noveis de ambos lados da fronteira. A cita recupera un proxecto anterior no que, a partir do retrato de dez habitantes de Tui, xurdiu a película colectiva Ida e volta. Daquela, ao traballo individual de cada realizador-retratista co seu personaxe-retrato sumouse o traballo común para a película. Nesta nova convocatoria dáse un paso máis adiante para incidir sobre o concepto de retrato-memoria, o que se materializará na filmación dun anaco da vida da persoa retratada.
O Teatro Municipal Área Panorámica acollerá mañá, 19 de marzo, a proxección da película Luanda, a fábrica da música, un himno á creatividade dos angoleños que traslada ao espectador a un barrio da periferia de Luanda. Alí está unha máquina de sons que dá vida a ritmos coma o kuduro e onde, cada un ao seu xeito, conta a súa historia ao micrófono. Acompañando ao devandito documental, Play-Doc e CREATIVA ofrecerán, na noite do venres -ás 00:30 h na Sala Metropol- un concerto a cargo de Batida, banda formada por músicos procedentes de Lisboa e Luanda, que combina a música tradicional angolana con sons electrónicos e urbanos. Da man do famoso MC angoleño Beat Laden -un dos máis activos produtores do movemento afro en Lisboa- o colectivo presentou en 2009a seu primeiro traballo, Dance Mwangolé, considerado un dos mellores discos do ano en Portugal e un dos máis destacados da música angolana. Sobre o escenario, o kuduro, a samba electrónica e o rap máis revolucionario combínanse coa proxección de vídeo asinada por Catarina Limâo e realizada con material de arquivo dos anos 60 e 70, así coma pola execución do colectivo de danza tradicional angolana Batoto Yetu.