AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O CANTAUTOR OURENSÁN INTERPRETARÁ OS TEMAS DE "INTERIOR", O SEU TERCEIRO DISCO, A PARTIR DAS 20.30 H

Continúa o programa "ST Música Presente" cun concerto de Emilio Rúa o día 26 no Salón Teatro

[24/03/2010] O cantautor ourensán Emilio Rúa ofrecerá un concerto o vindeiro venres día 26 ás 20.30 horas no Salón Teatro de Santiago como parte do programa "ST Música Presente", no marco do que presentará Interior, o seu terceiro traballo discográfico que sae ao mercado esta mesma semana. Como no resto dos directos inseridos neste ciclo que promove a Consellería de Cultura e Turismo a través da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), esta actuación congregará público especializado -programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e outros axentes culturais- e abrirase tamén ao resto de espectadores interesados, en función do aforo dispoñible.

Emilio Rúa

A cantante galega Uxía e o músico músico brasileiro Sérgio Tannus producen este novo disco de Emilio Rúa, gravado e mesturado no estudio de Gondomar Casa de Tolos, no que o autor explora novos rexistros e no que as harmonías gañan terreo. O resultado é, nas súas propias palabras, un traballo que conxuga os seus dous mundos -a música e a terra- e no que as harmonías gañan terreo. Son, en total, 12 temas que conforman, ademais, a base do repertorio que interpretará o venres no concerto que promoven a AGADIC e Nalgures Producións.

Destacadas colaboracións

Neste sentido, contou coas achegas de coñecidos músicos de Galicia e Portugal e colaboracións destacadas coma a de Luís Tosar, Guadi Galego, Toni Lomba, Quin Farinha, Marcos Teira, Budiño e a mesma Uxía. Asemade, e como nos seus traballos anteriores, mergúllase na música tradicional coa súa versión do tema Lela, reinterpretando tamén cancións de autores como Magín Blanco, Uxía e Sérgio e poñendo música a unha das poesías de Manuel Rivas.

Emilio Rúa comezou a cantar sendo aínda un cativo na agrupación familiar Concorde Atenea, que fundara o seu pai nas Vendas da Barreira (Riós), localidade de onde é orixinaria toda a súa familia. Guitarra en man, comezou a compoñer e a presentarse a concursos. Tras un dos seus recitais ofréceselle a oportunidade de gravar un primeiro disco compacto, publicado no 2000, e seis anos despois grava o seu segundo traballo discográfico (Vida miña), para o que contou coa produción artística de Uxía Senlle e que marcou un claro punto de inflexión na súa carreira artística.

As súas cancións móvense entre os sons pop e a música tradicional, sempre dende a súa visión persoal. En canto ás temáticas, a intimidade e a tenrura que envolve a súa música non lle impide abordar reivindicacións sociais e individuais como a soidade, o desamor ou a fin da violencia.

Venda de entradas

As entradas para o concerto de Emilio Rúa no Salón Teatro xa están á venda a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43 a un prezo especial único de 5 euros. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse o mesmo venres a partir das 18.30 horas.

Este programa de concertos, deseñado e promovido pola AGADIC en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), ten como prioridade ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas dende unha perspectiva esencialmente comercial. As próximas citas terán lugar no mes de abril: Álvaro Vieito Cuarteto (20 abril), Ophiusa (27 de abril) e BellónMaceiras Quinteto (30 de abril).


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal