AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O CONSELLEIRO DE CULTURA E TURISMO ASISTIRÁ Á REPRESENTACIÓN DO DOMINGO, COINCIDINDO COA CONMEMORACIÓN ESTA FIN DE SEMANA DO DÍA MUNDIAL DO TEATRO

A xira do espectáculo do CDG "As actas escuras" recala en Ourense con dúas funcións no Teatro Principal

[25/03/2010] O Teatro Principal de Ourense acolle este sábado 27 de marzo ás 20.30 horas e o domingo 28 ás 19.00 h senllas funcións da última produción do Centro Dramático Galego (CDG), As actas escuras, obra de Roberto Vidal Bolaño que a compañía pública recuperou para os escenarios da man do director Xúlio Lago e dun elenco integrado por 14 recoñecidos actores e actrices. Con ocasión da representación deste espectáculo na fin de semana na que se conmemora o Día Mundial de Teatro, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, ten previsto desprazarse até Ourense o próximo domingo para asistir ao segundo dos pases que o CDG ofrecerá na cidade.

As actas escuras

Esta primeira posta en escena do texto gañador do Premio Xacobeo de Textos Teatrais en 1992 supón todo un fito no actual panorama escénico galego, achegando finalmente aos espectadores un gran drama sobre a ocultación da verdade e o sentido da ética no que se reflicten tanto a forza simbólica como o espírito crítico característicos de Vidal Bolaño, un dos grandes nomes do teatro galego contemporáneo.

Éxito de público

Neste sentido, Xúlio Lago asumiu a dirección escénica desta produción desde a fidelidade á obra orixinal e á visión do teatro que tiña o propio autor, falecido en 2002. O espectáculo resultante obtivo un gran éxito de público durante a súa exhibición en Santiago, desenvolvendo agora unha xira que se estenderá ata primeiros de abril e durante a que visitará un total de sete localidades galegas.

Xosé Manuel Olveira "Pico" e Ricardo de Barreiro encabezan o elenco, do que tamén forman parte César Cambeiro, Ursia Gago, Jouse García, Mónica García, Teté García, César Goldi, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega e Marcos Viéitez. Estes 14 intérpretes, moitos dos cales tiveron a oportunidade de traballar baixo as ordes de Vidal Bolaño en diferentes espectáculos, encarnan os trinta personaxes ideados polo autor para desenvolver esta trama, centrada nunha investigación sobre o redescubrimento dos restos do Apóstolo na Compostela da segunda metade do século XIX.

Xogando cos xiros de varios paneis móbeis, o espazo escénico e o atrezzo deseñados por Rodrigo Roel facilitan os rápidos cambios de escena e ambientación que guían ao espectador nun percorrido pola cidade: a vella estación de Cornes, unha fonda, o café El Siglo, un salón de barbeiro, os sotos da catedral, os salóns do palacio arcebispal… No equipo artístico de As actas escuras figuran asemade Antón Arias Marsal, quen compartiu con Xúlio Lago o deseño de iluminación; Manuel Riveiro, a cargo do deseño do espazo sonoro e La Canalla, do vestiario. Ademais, María Armesto exerceu como axudante de dirección.

A obra comeza coa chegada a Compostela do monxe dominico Don Mauro, quen a petición do cardeal Payá e Rico, máxima autoridade eclesiástica da cidade, debe avalar co seu prestixio como arqueólogo a veracidade dos ósos soterrados na catedral. Don Mauro terá que redactar un informe co resultado das súas investigacións, que será enviado a Roma para ser ratificado polo Papa León XIII. Para esta tarefa, viaxa acompañado do seu sobriño Casiano, mozo librepensador, licenciado en Xeografía e Historia, que no seu afán por buscar a verdade dende postulados científicos, causará certas reticencias tanto nos numerosos cóengos catedralicios como noutros representantes da curia eclesiástica.

Venda de entradas

As localidades para as dúas funcións en Ourense poranse á venda na billeteira do Teatro Principal de 11.00 a 13.30 e unha hora antes das funcións. Tamén poden adquirirse de xeito anticipado a través da páxina web www.servinova.com e na billeteira telefónica 902 504 500. O prezo das entradas é 12,00 € (butaca e platea), 9,00 € (1º andar), 8,00 € (2º andar) e 6,00 € (paraíso e VR), cun desconto do 20% para estudantes, maiores de 65 anos, usuarios do carné xoven e desempregados sen prestación económica. Despois destas dúas representacións, o espectáculo finalizará o seu período de exhibición no Teatro Jofre de Ferrol o sábado 3 de abril.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal