AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A DERRADEIRA FUNCIÓN DA MONTAXE DIRIXIDA POR XÚLIO LAGO, A PARTIR DA OBRA DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO, TERÁ LUGAR O VINDEIRO SÁBADO 3 DE ABRIL ÁS 20.30 HORAS

O espectáculo do CDG "As actas escuras" pecha en Ferrol unha xira que xa cogregou 4.250 espectadores

[31/03/2010] O Teatro Jofre de Ferrol acolle o vindeiro sábado 3 de abril ás 20.30 horas a derradeira función do espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) As actas escuras, pechando así unha xira que ata o momento congregou 4.250 espectadores en sete escenarios galegos. En total, serán 27 as representacións que a compañía pública terá ofrecido desta obra de Roberto Vidal Bolaño, recuperada para os escenarios da man do director Xúlio Lago e dun elenco de 14 recoñecidos actores e actrices.

As actas escuras

Esta primeira posta en escena do texto gañador do Premio Xacobeo de Textos Teatrais en 1992 supón todo un fito no actual panorama escénico galego, achegando finalmente aos espectadores un gran drama sobre a ocultación da verdade e o sentido da ética no que se reflicten tanto a forza simbólica como o espírito crítico característicos de Vidal Bolaño, un dos grandes nomes do teatro galego contemporáneo. Neste sentido, Xúlio Lago asumiu a dirección escénica desta produción desde a fidelidade á obra orixinal e á visión do teatro que tiña o propio autor, falecido en 2002.

Catorce actores para unha trintena de personaxes

Xosé Manuel Olveira "Pico" e Ricardo de Barreiro encabezan o elenco, do que tamén forman parte César Cambeiro, Ursia Gago, Jouse García, Mónica García, Teté García, César Goldi, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega e Marcos Viéitez. Estes 14 intérpretes, moitos dos cales tiveron a oportunidade de traballar baixo as ordes de Vidal Bolaño en diferentes espectáculos, encarnan os trinta personaxes ideados polo autor para desenvolver esta trama, centrada nunha investigación sobre o redescubrimento dos restos do Apóstolo na Compostela da segunda metade do século XIX.

Xogando cos xiros de varios paneis móbeis, o espazo escénico e o atrezzo deseñados por Rodrigo Roel facilitan os rápidos cambios de escena e ambientación que guían ao espectador nun percorrido pola cidade: a vella estación de Cornes, unha fonda, o café El Siglo, un salón de barbeiro, os sotos da catedral, os salóns do palacio arcebispal… No equipo artístico de As actas escuras figuran asemade Antón Arias Marsal, quen compartiu con Xúlio Lago o deseño de iluminación; Manuel Riveiro, a cargo do deseño do espazo sonoro e La Canalla, do vestiario. Ademais, María Armesto exerceu como axudante de dirección.

A obra comeza coa chegada a Compostela do monxe dominico Don Mauro, quen a petición do cardeal Payá e Rico, máxima autoridade eclesiástica da cidade, debe avalar co seu prestixio como arqueólogo a veracidade dos ósos soterrados na catedral. Don Mauro terá que redactar un informe co resultado das súas investigacións, que será enviado a Roma para ser ratificado polo Papa León XIII. Para esta tarefa, viaxa acompañado do seu sobriño Casiano, mozo librepensador, licenciado en Xeografía e Historia, que no seu afán por buscar a verdade dende postulados científicos, causará certas reticencias tanto nos numerosos cóengos catedralicios como noutros representantes da curia eclesiástica.

Venda de entradas

As localidades para esta última función de As actas escuras poranse á venda na billeteira do Punto de Información Cultural (PIC) do Teatro Jofre en horario de 11.00 a 13.00 h e de 18.00 a 20.30 h e o día da función, ata as 20.30 h. Tamén poden adquirirse de xeito anticipado a través da páxina web www.ferrol.es/jofre. O prezo das entradas é de 10,00 euros (cun desconto do 20% para menores de 16 anos, desempregados, persoas con discapacidade, xubilados e socios das asociacións culturais de Ferrol, sempre que acrediten a súa condición).


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal