AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

PRESENTARÁ EN DIRECTO O SEU DISCO DE DEBUT, "INTRODUCING", CO QUE O SELO FALCATRUADA INAUGURA A NOVA COLECCIÓN "AZOS"

O jazz incorpórase ao ciclo "ST Música Presente" cun concerto de Álvaro Vieito no Salón Teatro

[19/04/2010] O programa de concertos promocionais "ST Música Presente" continúa este mes de abril no Salón Teatro de Santiago, onde mañá martes día 20 ás 20.30 horas terá lugar a actuación do grupo de jazz de Álvaro Vieito. O compositor e guitarrista do Porriño presentará en directo o seu primeiro traballo de estudio, Introducing Álvaro Vieito, co que o selo Falcatruada pon en marcha unha nova colección discográfica baixo o título xenérico de Azos Jazz e a dirección artística de Abe Rábade.

Introducing Álvaro Vieito

Tamén en abril o Salón Teatro acollerá as presentacións dos grupos Ophiusa (día 27) e BellónMaceiras Quinteto (día 30), ambos enmarcados dentro deste ciclo creado pola AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo para a promoción especial de traballos discográficos galegos a través de concertos dirixidos preferentemente a un público especializado, pero abertos tamén ao resto de espectadores en función do aforo dispoñible.

Novos valores e colaboracións internacionais

A colección Azos nace coa pretensión de arroupar os novos valores do jazz galego, así como para dar conta das colaboracións artísticas de jazzistas de todo o mundo que teñan Galicia como lugar de encontro. Ademais do concerto, o Salón Teatro acollerá mañá ás 11.30 horas a presentación aos medios deste novo proxecto, así como do disco que o inaugura, coas intervencións de Sergio Lago, director de Falcatruada, Abe Rábade e Álvaro Vieito.

Para o seu debut discográfico, Vieito optou por unha formación de cuarteto cun marcado carácter internacional en que, xunto co tamén galego Max Gómez á batería, o acompañan o xaponés Masahiro Yamamoto (saxos alto e soprano) e o estadounidense Ross Gallagher (contrabaixo). Porén, na actuación de mañá tocará xunto con Rosolino Marinello (saxo tenor), Xan Campos (piano rhodes), Juansy Santomé (contrabaixo), ademais de Max Gómez, baixo a etiqueta de Álvaro Vieito 5.

Introducing é un traballo con temas orixinais e influencias do folk, do rock británico e do blues, mesturados coa mellor tradición do jazz americano e interpretado con gran enerxía. Cun importante compoñente de interacción e improvisación, neste disco reflíctese a boa conexión musical e persoal entre Álvaro Vieito e os tres membros do seu orixinal cuarteto, cos que entrou en contacto durante o seu período de formación no Estudio Escola de Música de Santiago e no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, onde coincidiu con Max Gómez, e na New School University de Nova York, onde coñeceu a Masa Yamamoto e Ross Gallagher.

Xuntos levarán a cabo unha intensa xira de presentación, que dará comezo o vindeiro 25 de maio no Dado Dadá de Santiago e rematará o 5 de xuño en Vigo, logo de percorrer as principais salas de Galicia e de actuar no Club El Junco de Madrid.

Canto a este primeiro concerto no Salón Teatro, as entradas xa están á venda a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43 a un prezo especial único de 5 euros. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse mañá a partir das 18.30 horas.


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal