AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

INTERPRETA OS PRETO DE VINTE PERSONAXES DESTE ESPECTÁCULO PRODUCIDO POLA COMPAÑÍA GALEGA EME2 A PARTIR DOS TEXTOS DE DARIO FO, FRANCA RAME E JACOPO FO

Mercedes Castro presenta no Salón Teatro a comedia "Sexo? Por que non?" baixo a dirección de Álvaro Lavín

[06/05/2010] O Salón Teatro de Santiago acolle esta fin de semana (sábado 8 ás 20.30 horas e domingo 9 ás 18.00 h) o inicio da xira de Sexo? Por que non?, o novo espectáculo da compañía galega Eme2 que interpreta a actriz Mercedes Castro baixo a dirección escénica de Álvaro Lavín. Baseada nos textos de Darío Fo, Franca Rame e Jacopo Fo, trátase dunha trepidante comedia que pretende desdramatizar os tabús arredor do sexo, fuxindo do chiste fácil e amosando situacións cotiás en torno ao encontro carnal e ao pouco que del sabemos na sociedade occidental.

"Sexo? Por que non?"

Mercedes Castro sube soa ao escenario para interpretar os preto de vinte personaxes que desenvolven esta historia. Así, sobre as táboas do espazo que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) cobran vida Adán, Eva, un anxo, Yahvé-Deus, Carlos de Inglaterra, un señor de Boloña, un famoso cirurxián, Rosalía -unha morena impoñente-, o produtor do espectáculo, un tremoia, a irmá de Mercedes Castro -de nome Aurora-, a súa nai, varias das súas amigas, algún dos seus fillos, e incluso a propia Mercedes.

Para a posta en escena desta peza, Lavín e Castro comandaron o grupo de novos creadores que se fixo cargo da parte artística nesta nova aposta de Eme2: Curru Garabal, á fronte da escenografía e do vestiario; Anxo Graña, da composición musical e do deseño do espazo sonoro, e Afonso Castro, da iluminación.

Fóra complexos e estereotipos

O espectáculo pregúntase por que, se o sexo é algo tan central nas nosas vidas, case sempre falamos del desde os complexos e os estereotipos. A idea orixinal de Franca Rame xorde cando esta decide poñer en escena un libro escrito polo seu fillo, Jacopo Fo, titulado O Zen ou a arte de foder, que tivo un éxito desmesurado entre a mocidade italiana nos anos noventa.

Arroupada polo seu marido, o premio Nobel de Literatura Darío Fo, e polo propio Jacopo, construíu unha peza na que era difícil diferenciar a voz de Franca da do personaxe que interpretaba. Estreado baixo o título Sesso? Grazie, tanto per gradire! en novembro de 1994 no Teatro Comunale de Cervia, o espectáculo estivo máis de catro anos en cartel en Italia.

Traxectorias

Actriz e emprendedora nacida nas Pontes de García Rodríguez, Mercedes Castro destaca pola súa consolidada traxectoria no panorama escénico e audiovisual galego e pola súa faceta empresarial dentro do sector. Sobre as táboas ten participado nas montaxes de Fálame de ti, monólogos de temática feminista de Franca Rame e Darío Fo, baixo a dirección de Cristina Domínguez; Para o leste do Gantry, de Edward Thomas, da Factoría Teatro, coa que gañou o premio María Casares á mellor interpretación protagonista feminina; e A viaxe de Lola, de creación colectiva, coa que fixo unha extensa xira por todo o Estado.

Pola súa banda, o madrileño Álvaro Lavín conta cunha extensa carreira como actor e director en España e Portugal. Traballa activamente no mundo do teatro e do cine desde hai máis de vinte anos. Como membro fundador de Teatro Meridional, dirixiu máis de vinte e cinco espectáculos, algúns do éxito de La verdadera historia de los hermanos Marx, onde tamén interpreta a Groucho; Miguel Hernández, Calisto, Romeo, Cyrano, Negra! ou Qfwfq, una historia del Universo. O premio Ojo Crítico de RNE ou o premio Nacional de Teatro en Portugal, outorgado pola Asociación Nacional de Críticos, son algúns dos galardóns que recibiu.

As entradas para as dúas funcións de Sexo? Por que non?, que chega a Santiago trala súa recente estrea nas Pontes, poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da representación. Ademais, xa está dispoñible a venda anticipada na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e a través do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal