[11/05/2010] O Salón Teatro de Santiago acolle durante toda a xornada de hoxe un seminario sobre o sistema dixital de mesturas de son conformado pola mesa Roland M400 e as unidades M-48 e Digital Snake, no que están a participar unha quincena de profesionais. Organizado polo portal dos técnicos de escena de Galicia na internet, Portegal, en colaboración co Centro Dramático Galego e coa firma Roland, o encontro diríxese aos técnicos de son, tanto de teatro como de todo tipo de espectáculo, cunha finalidade eminentemente práctica.
Así, a sesión de mañá está centrándose fundamentalmente na descrición do sistema, o deseño nun contorno dixital, o manexo do sinal vía rede e a análise do "patch" básico e avanzado con M-48, ademais de nas súas distintas aplicacións. Esta primeira parte do encontro rematará cunha práctica de sincronía dunha rede básica composta pola mesa M400, ordenador e portátil.
Xa pola tarde, contarase coa participación do grupo compostelán Cool Hamsters para realizar as probas do equipo tras ese primeiro achegamento ás súas principais características técnicas. Coa banda compostelá sobre o escenario, os participantes terán a oportunidade de comprobar o funcionamento do equipo durante as actuacións en directo.