AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A OBRA DE DAVID DESOLA ABORDA TEMAS COMO A VIOLENCIA NAS AULAS OU A LOUCURA COMO EVASIÓN

A compañía madrileña K Producciones representa esta fin de semana no Salón Teatro "La charca inútil"

[27/05/2010] A compañía madrileña K Producciones visita esta fin de semana -sábado 29 ás 20.30 horas e domingo 30 ás 18.00- o Salón Teatro de Santiago para representar La charca inútil , espectáculo sobre o texto escrito por David Desola, un dos valores emerxentes da dramaturxia contemporánea que obtivo por esta peza o Premio Lope de Vega de Teatro. Baixo a dirección escénica de Roberto Cerdá, o trío interpretativo que compoñen Adolfo Fernández, Sonia Almarcha e Miguel Palenzuela protagoniza este drama sobre a tolemia como evasión e a violencia escolar.

La charca inútil

La charca inútil toma como punto de partida uns personaxes atormentados, vítimas dunha sociedade opresiva, que se refuxian na loucura para se manteren cordos. A través desta premisa, a montaxe pretende reflectir algúns dos sentimentos humanos máis complexos, como a frustración, o medo á morte ou a dor ante a perda dun ser querido. O resultado é unha obra baseada nos diálogos e no teatro de texto, cunha forte compoñente social, que retrata unha historia de soidade, amor e misterio.

A partir dun feito real

O televisivo actor Adolfo Fernández interpreta o protagonista, Óscar, un profesor en crise, que tras ser agredido na escola, non quere volver ao ensino. Porén, accede a dar clases particulares a un peculiar alumno e inicia unha curiosa relación coa nai deste: unha muller que vive inmersa no universo que ela mesma creou como refuxio dunha realidade insoportable marcada pola traxedia. O triángulo péchase cun vello pedagogo que servirá de vínculo nesta estraña relación e co que Óscar conversa nun parque. Deste xeito, onde un ve un lago, o outro non advirte máis ca unha charca inútilů polo que as súas charlas dan o toque de humor negro ao drama.

David Desola escribiu esta obra tras coñecer polos medios de comunicación a historia dun profesor que, no ano 2005, recibiu unha malleira por parte dun alumno nos corredores da escola diante da mirada do resto da clase. Estas imaxes foron gravadas pola moza do agresor co teléfono móbil e vendidas a unha cadea televisiva. Aínda que Desola alude a este feito real como elemento inicial, a obra tamén é unha crítica ao actual modelo de ensino e aos medios de comunicación actuais. Con este texto, o escritor barcelonés obtivo o Premio Lope de Vega de Teatro en 2007, consolidándose así como un dos valores da nova dramaturxia española.

As entradas para as dúas representacións de La charca inútil poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función. Tamén poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal