AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A ÚLTIMA PROPOSTA DO PROGRAMA DE COPRODUCIÓNS DA COMPAÑÍA PÚBLICA PARA A TEMPORADA 2009-2010 OFRECE TRES FUNCIÓNS EN SANTIAGO DO VENRES 11 AO DOMINGO 13

A compañía Sapristi en coprodución co CDG estrea no Salón Teatro "Por que o meniño se coce na polenta?"

[09/06/2010] A compañía galega Sapristi Teatro estrea este venres 11 ás 21.00 horas no Salón Teatro de Santiago o espectáculo Por que o meniño se coce na polenta?, realizado en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG) baixo a dirección de Roberto Leal. A actriz Nuria Sanz e o músico Ignacio Sanz interpretan esta montaxe, a partir da adaptación da novela da autora romanesa Aglaja Veteranyi que asinou Quico Cadaval, na que se mesturan xéneros que van desde o clown ata un realismo que roza o dramático, pasando pola comedia xestual, o cabaret, a revista, o musical, o vodevil e o circo cos seus pallasos, equilibrismos e acrobacias. Trala función de estrea, esta última coprodución da compañía pública para a temporada 2009-2010 ofrecerá senllos pases o sábado 12 ás 20.30 h e o domingo 13 ás 18.00.

Por que o meniño se coce na polenta?

Teatro, música en vivo e un pequeno achegamento á danza contemporánea únense para dar forma á historia dunha pequena exiliada do comunismo romanés que leva unha vida circense ambulante, á que Nuria Sanz achega un intenso traballo interpretativo. Con ela sobre o escenario, Ignacio Sanz emprega toda unha serie de "instrumentos imposibles" para compoñer un espazo sonoro envolvente e evocador do universo de recordos da protagonista. O equipo artístico complétano Baltasar Patiño como deseñador da iluminación, Marta Pazos a cargo do espazo escénico e do vestiario, Gustavo Dieste como axudante de dirección e Daniel Abreu como colaborador na dramaturxia.

O mundo a través dunha nena

Publicada en Stuttgart en 1999, a obra orixinal de Aglaja Veteranyi (Bucarest, 1962-Zürich, 2002) Warum das kind in der polenta kocht? está escrita a modo de diario, relatando o día a día na caravana, nos hoteis e nunha residencia para contar, cun trasfondo tan cruento como verdadeiro, a particular visión que do mundo ten a protagonista. Así as cousas, a peza aborda temas como a explotación infantil, os abusos e os malos tratos, o sexo, o desarraigamento, a identidade propia e familiar, o medo á morte ou a procura da felicidade.

Na montaxe de Roberto Leal, Nuria Sanz sitúase no escenario para contar como Aglaja se suicidou o 3 de febreiro de 2002. Aparece como ela mesma, como unha actriz que nos vai dar unha información pero, por arte de maxia -a mesma maxia que preside toda a obra teatral- convértese na propia Aglaja contando a súa historia real. Ao tempo, a escenografía, que muda para transformarse nunha pista central cunha bancada a modo de grada, traslada o espectador a un circo. A partir de aquí establécese un xogo interpretativo entre a actriz e o seu personaxe, de modo que se sucede a representación de imaxes sacadas da memoria e do maxín da cativa: Aglaja vella, Aglaja morta, Aglaja meniña, súa nai colgándose dos cabelos ou seu pai facendo de pallaso.

Durante todo o espectáculo, está presente a referencia ao conto romanés que dá título á obra e que a irmá de Aglaja lle contaba cando era pequena nun intento de evadirse da realidade. A modo de xogo, o conto do meniño que ferve dentro da pota da polenta trataba de dar que pensar aos máis cativos sobre os motivos polos cales o pequecho rematara aí. Porén, Aglaja non deixaba de aterrorizarse ao pensar nun rapaz fervendo no medio deste prato de orixe italiana, pero moi habitual en Romanía.

A paisaxe sonora

Para a composición musical coa que Ignacio Sanz consegue evocar o universo dos recordos de Aglaja, combínase a pregravación co directo utilizando instrumentos convencionais con outros de fabricación propia e reciclados. Así, a marimba, a caixa, o bombo e os pratos de choque recrean o mundo circense. Igualmente, o timbal con caixa de música rememora a infancia da protagonista. Doutra banda, a frescura da música en directo combínase coa orixinalidade doutros sons conseguidos a través de "instrumentos imposibles", como tarros de marmelada afinados con auga, botes de latón, sachos, un xogo de paellas afinadas con distintos colgantes de pedra, metal e madeira suspendidos nunha especie de portería, ou o ocean sound, un aparello de fabricación propia.

Despois dun mes traballando na nave da Agadic, no Polígono Costa Vella de Santiago, o pasado luns 7 o equipo artístico de Sapristi Teatro trasladouse ao Salón Teatro para levar a cabo os últimos ensaios como compañía residente, aproveitando os medios que pon á súa disposición o programa de coproducións do CDG.

As entradas para as funcións do sábado 12 e do domingo 13 xa están dispoñibles a través do teléfono 902 43 44 43 ou da billeteira da web www.caixagalicia.es. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo das actuacións. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal