[21/06/2010] A compañía galega O Retrete de Dorian Gray protagoniza mañá a primeira das actividades públicas de Circo Europa-I Encontro Jeunes Talents Cirque Europe coa posta en escena do espectáculo Rúa Aire ás 21.30 horas no Salón Teatro. O espazo compostelán acolle a programación aberta ao público desta primeira edición do evento, que organiza en Santiago o Centro Dramático Galego (CDG) e na que tamén se inclúen o espectáculo Mi otro yo da formación hispano-belga Doble Mandoble (sábado 26 e domingo 27, ás 21.30 h) e a I Circo Europa Party (martes 29, ás 21.30), así como dous debates sobre a situación actual do novo circo a nivel internacional (xoves 24 e venres 25, ás 20.00 h).
O obxectivo desta carteleira é compartir co público xeral e coa comunidade artística do novo circo galego esta primeira experiencia europea, que se desenvolve ao abeiro do programa Novos Talentos do Circo Europeo (Jeunes Talents Cirque Europe-JTCE), unha iniciativa financiada pola Unión Europea para o apoio os artistas emerxentes neste ámbito artístico na que o CDG participa en representación da Península Ibérica.
Así, a exhibición de espectáculos e as mesas redondas desenvólvense de xeito paralelo a un intenso programa formativo no que están a participar un total de 19 novos creadores europeos -sete deles galegos- baixo a coordinación da coreógrafa francesa Fatou Traouré e do autor, director e intérprete Jean-Michel Guy, presidente do xurado de JTCE.
Monicreques inchables
En Rúa Aire, Marcos "PTT" Carballido e Ezra Moreno constrúen todo un universo de suspense e misterio a partir de marionetas feitas con globos, segundo a técnica de manipulación de monicreques inchables que eles mesmos inventaron. A entusiasta acollida por parte de público e crítica dende a súa estrea avalan unha montaxe que ofrece un novo xeito de entender o teatro de obxectos.
O segundo dos espectáculos en cartel, Mi otro yo, chega da man dos xemelgos españois afincandos en Bélxica Luis Javier e Miguel Angel Córdoba Pelegrín, da recoñecida compañía Doble Mandoble. Na súa montaxe fusionan maxia, acrobacia e teatro xestual para propoñer unha viaxe a través do «espello da identidade». Máis ca unha demostración de efectos de maxia, trátase de pór estes efectos ao servizo dun teatro visual orixinal, divertido e, ao tempo, absurdo e poético.
O I Encontro Jeunes Talents Cirque Europe pecharase o martes 29 de xuño coa I Circo Europa Party, unha gran festa do circo dirixida pola asociación Pistacinco. Nela participarán artistas locais e parte dos creadores europeos convidados ao encontro, entre eles os integrantes de Duelirium e Circo Expreso, as dúas formacións galegas clasificadas respectivamente entre as finalistas e vencedoras do programa JTCE 2009-2010. Na xornada do luns traballarán conxuntamente para ensamblar os números de circo da festa arredor dunha temática clara: Compostela como punto de encontro europeo.
Debates
Ademais, e como complemento ao programa formativo, Circo Europa acollerá dous debates abertos tanto ao resto de artistas interesados —calquera que sexa a súa disciplina— como ao público xeral. Fred Cardon, director do JTCE, dirixirá a primeira mesa redonda, que terá lugar o xoves 24 de xuño ás 20.00 horas baixo o título A nova creación en Europa e o dispositivo Jeunes Talents Cirque Europe. O segundo dos debates -As estéticas do circo contemporáneo en Francia- celebrarase o venres 25 de xuño á mesma hora con Jean-Michel Guy como moderador. Para ambas as actividades, a entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade do Salón Teatro.
Pola súa banda, as entradas para asistir aos espectáculos Rúa Aire e Mi otro yo, así como á I Circo Europa Party, poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto os días de función a partir das 19.30 h. Tamén poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados), e de 5 euros o domingo, día do espectador.