AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

UN TOTAL DE 54 FORMACIÓNS DE TEATRO, MÚSICA E DANZA OCUPARON DESDE OUTUBRO O ESCENARIO QUE XESTIONA O CDG

O Salón Teatro pecha temporada tras acoller 14.442 espectadores en 106 funcións

[06/07/2010] O Salón Teatro, espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) en Santiago de Compostela, congregou un total de 14.442 espectadores nas 106 funcións escénicas e musicais desenvolvidas na temporada 2009-2010 que finaliza a finais de xullo. Trala celebración este mes de tres concertos do festival de música Via Stellae (días 8, 13 e 20) e de dous pases do novo espectáculo do Centro Coreográfico Galego, Etheria, a viaxe soñada (días 28 e 29), o Salón Teatro reabrirá as súas portas o 10 de setembro coa inauguración da carteleira correspondente á nova temporada.

Fachada do Salón Teatro

Desenvolvida por 54 formacións de distintas procedencias artísticas e xeográficas, a programación 2009-2010 concedeu especial protagonismo á oferta teatral con 36 espectáculos, 21 deles a cargo de compañías galegas. Neste apartado enmárcase, por exemplo, a estrea en Santiago da produción do CDG As actas escuras , que reuniu un total de 2.593 espectadores nas 17 funcións ofrecidas, así como das coproducións Super 8 e Por que o meniño se coce na polenta , que a compañía pública realizou xunto coa plataforma Voadora e con Sapristi Teatro, respectivamente.

Compañías de renome

En total, 11.833 persoas asistiron ás 87 funcións teatrais exhibidas no Salón Teatro da man de recoñecidas compañías, entre as que figuran Teatro do Noroeste, Teatre Lliure, Ao Cabo Teatro, Lagarta Lagarta, Teatro do Morcego, Teatro do Atlántico, Sala Muntaner, EME2 Emoción&Arte, Familie Flöz, Kamikaze Producciones, K Producciones, Leões de Circo, Voadora, Sapristi Teatro, O Retrete de Dorian Gray ou Doble Mandoble.

O teatro non profesional tamén tivo o seu oco co Festival Internacional de Teatro Universitario e coa Mostra de Teatro Universitario celebrados nos meses de abril e xuño respectivamente e aos que acudiron 2.019 espectadores en 13 funcións. Outra iniciativa destacada foi a Mostra de Teatro Infantil de Nadal que tivo lugar no mes de decembro e que durante cinco días congregou un público familiar cifrado en 614 persoas, a meirande parte nenos e nenas.

A programación dedicada especificamente á danza ofreceu cinco funcións, seguidas por un total de 663 espectadores. Este apartado iniciábase a finais do mes de novembro con dous pases da peza Dies Irae. En el Réquiem de Mozart, a cargo da compañía de Marta Carrasco. Pola súa banda, Matarile Teatro ofrecía un ensaio aberto da súa produción Cerrado por aburrimiento e a compañía da coreógrafa catalá Ángels Margarit presentaba ao público infantil o espectáculo Flexelf . Ademais, a danza contemporánea africana chegaba ao Salón Teatro da man dos bailaríns Ciré Beyè e Auguste Ouedraogo ao abeiro do programa cultural África Vive.

Catorce concertos

No apartado de música, contabilizáronse 1.946 afeccionados nos 14 directos levados a cabo. O grupo norteamericano Woods clausurou en decembro a programación de 2009 da terceira edición da extensión en Santiago do Festival Sinsal. A continuación, os recitais da banda xaponesa de rock Mono, da arxentina Juana Molina e da cantautora folk británica Vashti Bunyan compuxeron o cartel da cuarta edición dun dos certames musicais máis arriscados e innovadores de Galicia. Un total de 511 espectadores acudiron a estas novas citas coa música de vangarda.

Asemade, a Agadic puxo en marcha o programa de concertos "ST Música Presente", dirixido á promoción de traballos discográficos galegos de todos os estilos e que nesta primeira edición ofreceu as actuacións de Linho do Cuco, Anxo Lorenzo, Emilio Rúa, Álvaro Vieito Cuarteto, Ophiusa e BellónMaceiras Quinteto, seguidas por 660 persoas. O Salón Teatro acolleu tamén o espectáculo portugués Casa de Fados. Em concerto, inspirado no filme de Carlos Saura, así como as actuacións de Rosalía 21, Toni Zenet e Lorena Lores.

Como en anos anteriores, o CDG volveu colaborar coa organización dos festivais Cineuropa e Curtocircuíto cedendo o Salón Teatro a diferentes proxeccións cinematográficas que non foron tidas en conta neste cómputo.

Xira de As actas escuras

Canto ao labor de produción propia do Centro Dramático Galego, as representacións de As actas escuras reuniron en total a 4.337 espectadores nas 27 funcións desenvolvidas en diferentes escenarios galegos. Despois da súa estadía no Salón Teatro, a obra de Roberto Vidal Bolaño -que subiu por primeira vez aos escenarios baixo a dirección escénica de Xúlio Lago- iniciou o seu período de exhibición fóra de Santiago, percorrendo sete localidades ata primeiros de abril.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal