AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A PARTIR DA ADAPTACIÓN DE PAULA CARBALLEIRA, ESTA VERSIÓN LIBRE DE "ALICIA NO PAÍS DAS MARABILLAS" PROPÓN UNHA VIAXE AO MUNDO DOS SOÑOS PARA REFLEXIONAR SOBRE A ACTUALIDADE

A Producións Artísticas presenta no Salón Teatro "Alicia & Alicia", unha revisión da obra de Lewis Carroll para público adulto

[13/10/2010] A compañía viguesa A Producións Artísticas porá en escena este venres 15 e o sábado 16 ás 20.30 horas no Salón Teatro de Santiago Alicia & Alicia, un espectáculo de teatro e danza con apoio audiovisual dirixido ao público adulto. Trátase dunha versión libre e actual do clásico de Lewis Carroll Alicia no país das marabillas, a partir da adaptación realizada por Paula Carballeira, que convida a reflexionar sobre a actualidade mergullándose no mundo do inconsciente.

Alicia & Alicia

Esta montaxe inicia no Salón Teatro a súa xira de distribución, trala estrea que terá lugar hoxe mesmo no Auditorio Municipal de Vigo. Alfredo Rodríguez dirixe o elenco interpretativo que compoñen Gena Baamonde, Anabell Gago, Toni Salgado e Uxía Vaello. Pola súa banda, Olga Cameselle é a responsable do movemento escénico e coreografía. A escenografía foi deseñada por Guadalupe Piñeira e o espazo sonoro, por Santi Araújo. Ademais, Salvador del Río encargouse da iluminación; Álvaro Sanz Alonso, das videocreacións e La Canalla, do vestiario.

Punk-grunge e glam-hippy
Para a posta en escena de Alicia & Alicia partiuse dunha adaptación da linguaxe de narración infantil utilizada na obra de Lewis Carroll, para enfrontala cunha linguaxe estética, musical, coreográfica e audiovisual para adultos, esta última representada nun submundo do onírico, da cultura popular, dos movementos socioculturais, das tribos urbanas e das correntes éticas e estéticas. O punk mesturado co grunge, o glam co movemento hippy, unións case imposibles na vida real, coexisten neste submundo dun xeito natural.

A obra xira arredor da imaxinación de Alicia, o único personaxe de toda a historia que actúa con cordura e cunha serenidade que contradín a súa idade. A montaxe indaga nas reaccións desa Alicia, enmarcadas no tempo presente, nunha época de profunda crise económica, ideolóxica e de valores culturais, onde conviven mundos reais e irreais e se personifican mitos da actualidade, musicais, visuais, pictóricos, de modas, tendencias, tribos…

Alicia & Alicia iníciase coa aparición dun coello branco que pasa por diante da aburrida protagonista. A ela non lle resulta moi estraño que o coello diga que vai chegar tarde e que consulte un reloxo de peto que leva no sombreiro. A través desa chistera, Alicia inicia a súa viaxe máxica ao mundo dos seus soños onde se atopará coa outra Alicia, esa nena ou ese neno que todos temos dentro e que vive nun país baseado "nunha continua ilóxica capaz de marear a calquera lóxica", alí onde radica o seu sentido cómico.

Tras unha longa caída, nada ten sentido. Alicia medra e mingua, as carreiras e os partidos de croquet non teñen regras, un rato conta unha historia seca, un leirón conta unha historia breve, unha eiruga azul fuma en narguilé, un gato aparece e desaparece, a Raíña de Corazóns só pensa en cortar cabezas e os seus naipes só queren compracela, para a Duquesa todo ten que ter unha moral... A rapaza comeza a dubidar de quen vén sendo, de cal é o verdadeiro mundo que a rodea, da sociedade en que lle tocou vivir.

As entradas para as dúas funcións de Alicia & Alicia xa están dispoñibles na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e no teléfono 902 43 44 43. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo das actuacións. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal