AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

UN TOTAL DE 21 CENTROS DE ENSINO, A MEIRANDE PARTE DELES INSTITUTOS DE BACHARELATO, PARTICIPAN ATA O 16 DE DECEMBRO NESTA CAMPAÑA

Máis de 1.200 alumnos de toda Galicia asistirán no Salón Teatro ás funcións escolares do espectáculo do CDG "Salomé"

[01/12/2010] Máis de 1.200 alumnos dun total de 21 centros de ensino de toda Galicia asistirán ás funcións escolares que o Centro Dramático Galego (CDG) ofrece no Salón Teatro coa súa última produción, Salomé, realizada a partir da obra de Oscar Wilde baixo a dirección de Carlos Santiago. O novo espectáculo da compañía pública permancerá neste escenario compostelán ata o domingo 19 de decembro, con cinco funcións semanais (mércores e xoves para estudantes -agás o 8 de decembro-, e venres, sábados e domingos para o público xeral).

Imaxe de "Salomé"

As representacións para escolares, que deron comezo esta mesma mañá e terán lugar todos os mércores e xoves laborais ata o día 16, celébranse ás 11.00 horas e están especialmente indicadas para rapazas e rapaces de 1º e 2º curso de bacharelato. Serán, pois, cinco funcións para as que ata o momento teñen confirmada a súa asistencia un total de 1.226 alumnos procedentes de 21 institutos de Santiago de Compostela, Valga, Ribeira, Arzúa, A Baña, Forcarei, Ordes, Vigo, A Coruña, Pontecesures, Fisterra, Lugo, Padrón, Vilagarcía, Ames e Boiro.

Claves da montaxe
Co obxectivo de facilitar o traballo na clase respecto da asistencia ao espectáculo como complemento da formación docente, o CDG elaborou un caderno educativo asinado por Miguel Vázquez Freire (de Gálix) que pode descargarse no apartado de servizos da web http://www.centrodramatico.org. En anotacións tanto para os mestres como para os alumnos, o documento inclúe apartados sobre a biografía e o teatro de Oscar Wilde, con referencias ás tendencias da época de escrita da obra, tales como o dandismo, o esteticismo, o decadentismo, o realismo ou o simbolismo.

O caderno achega tamén as principais claves da montaxe do CDG, con especiais tratamentos a aspectos da dramaturxia, a escenografía, a iluminación, a música ou o vestiario, así como unha listaxe de ítems para animar o coloquio sobre o espectáculo.

María Mera, Pepe Penabade, María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos compoñen o elenco interpretativo do espectáculo, seleccionado integramente mediante audición pública. Estes seis actores e actrices constitúen un reparto equilibrado e homoxéneo que da vida os 15 personaxes da historia. No equipo artístico, Carlos Santiago tamén contou coas achegas de creadores e profesionais de recoñecido prestixio como Víctor Mosqueira na codirección, Fran Pérez (Narf) na banda sonora, Pancho Lapeña na escenografía, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, Cloti Vaello no deseño de vestiario, Fausto Isorna no deseño gráfico, Uxía Vaello na coreografía e Fany Bell no deseño de maquillaxe.

A través dunha posta en escena arriscada, Salomé ofrece unha lectura máis satírica e política do episodio biblíco recreado por Oscar Wilde, mantendo o simbolismo e o ton poético orixinais, pero eliminando os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas. Nesta versión, a traxedia segue acontecendo en Galilea, pero nun contexto contemporáneo e máis próximo ao espectador, aínda que de carácter fantástico. Á parte deste anacronismo premeditado, a adaptación ao galego de Pepe Sendón é fiel ao texto orixinal, de xeito que incide no retrato descarnado das paixóns humanas asinado polo autor dublinés, así como na súa crítica ao poder e ao puritanismo moral.

Este venres día 3 retómanse no Salón Teatro as representacións abertas ao público xeral, que teñen lugar ata o 19 de decembro os venres e sábados ás 20.30 horas, e os domingos ás 18.00 horas, así como o mércores 8 ás 20.30 horas. As entradas poranse á venda no despacho de billetes do teatro dende dúas horas antes do inicio do espectáculo. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros o venres e o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal