AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

TEATRO DO ATLÁNTICO CELEBRA O SEU 25 ANIVERSARIO COA MONTAXE DESTE TEXTO DE ROBERTO SALGUEIRO BAIXO A DIRECCIÓN DE XÚLIO LAGO

María Barcala e Lucía Regueiro representan no Salón Teatro catro funcións de "Memoria de Helena e María"

[18/01/2011] O Salón Teatro de Santiago acolle esta semana o último espectáculo de Teatro do Atlántico, Memoria de Helena e María, realizado a partir do texto de Roberto Salgueiro galardoado co Premio Abrente de Teatro 2006 e co que a compañía galega celebra os seus 25 anos de traxectoria artística. Con dramaturxia e dirección escénica de Xúlio Lago, Lucía Regueiro e María Barcala protagonizan esta tráxica historia de dúas mulleres marcadas polo horror da Guerra Civil española, que poderá verse o xoves 20, o venres 21 e o sábado 22 ás 20.30 h, así como o domingo 23 ás 18.00 h.

Memoria de Helena e María

Ademais de Xúlio Lago, que asina tamén o deseño de iluminación, traballaron na materialización desta montaxe Rodrigo Roel, responsable da escenografía; Susa Porto, no vestiario; e Fran Pérez "Narf", na composición da música orixinal.

Historia de amor
Por medio de monólogos que se alternan e se entrecruzan, a montaxe rememora a vida de Helena (personaxe interpretado por Lucía Regueiro) cando, nos meses previos á Guerra Civil nunha vila de Galicia, coñece ao seu amado Manuel. A chegada da guerra de 1936 leva a Manuel á fronte republicana e a súa vida vai rematar en Albacete un ano despois. Á súa morte, Helena, a súa viúva, fica na vila coa súa pequena filla, María, froito daquel amor, e con outra herdanza, deixada tamén polo seu home, que vai traer dramáticas consecuencias. Sesenta anos despois, en 1996, por boca da súa filla (interpretada por María Barcala), vanse coñecer as características da tal herdanza e as consecuencias da súa conservación.

Vintecinco anos nas táboas
A compañía Teatro do Atlántico constituíuse no ano 1985 e desde entón leva realizadas un total de 25 producións, entre as que figuran Casa de bonecas, de Ibsen; A noite das tríbades, de Olov Enquist; O cerco de Leningrado, de Sanchis Sinisterra; O encoro, de Conor McPherson; A raíña da beleza de Leenane, de Martín McDonagh; ou Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure (galardoada con sete premios María Casares en 2009).

Levou a cabo xiras por case todas as comunidades autónomas e participou en numerosos festivais nacionais e internacionais (Iberoamericano de Cádiz, FITEI do Porto, Latinoamericano de Córdoba, Internacional de Caracas, Internacional de Ribadavia, Festeixo de Viana do Castelo, Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Mostra de Cee, Muestra de las Autonomías Villa de Madrid ou FIT de Carballo), presentando os seus espectáculos sempre en lingua galega. Con Memoria de Helena e María, a compañía inicia a súa vixésimo sexta temporada.

As entradas para asistir ás catro representacións de Memoria de Helena e María poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada actuación. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para as funcións de xoves a sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal