AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A REPRESENTACIÓN TERÁ LUGAR O XOVES 10 ÁS 20.30 HORAS NO AUDITORIO GUSTAVO FREIRE

O CDG clausura a XI Mostra de Teatro Clásico de Lugo coa posta en escena do espectáculo "Salomé"

[07/02/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) viaxa esta semana a Lugo para representar o seu espectáculo Salomé, dirixido por Carlos Santiago a partir da obra de Oscar Wilde, dentro da programación da XI Mostra de Teatro Clásico. A función desta última montaxe da compañía pública celebrarase o vindeiro xoves 10 de febreiro, ás 20.30 horas, no Auditorio Municipal Gustavo Freire como clausura do encontro teatral que organiza anualmente a Concellería de Cultura de Lugo.

salomé

Salomé foi presentada hoxe pola concelleira de Cultura, Nuria Mundiña; o director da montaxe, Carlos Santiago, e o actor lucense Alberte Cabarcos, quen interpreta o papel de Tixelino como parte do elenco que encabezan María Mera como Salomé e Pepe Penabade como Herodes e do que tamén forman parte Hugo Torres, María Salgueiro e Marcos Correa.

Estes seis actores e actrices constitúen un reparto equilibrado e homoxéneo que dá vida os 15 personaxes da historia. No equipo artístico, Carlos Santiago tamén contou coas achegas de creadores e profesionais de recoñecido prestixio como Víctor Mosqueira na axudantía de dirección, Fran Pérez (Narf) na banda sonora, Pancho Lapeña na escenografía, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, Cloti Vaello no deseño de vestiario, Fausto Isorna no deseño gráfico, Uxía Vaello na coreografía e Fany Bell no deseño de maquillaxe.

Anacronismo premeditado
A través dunha posta en escena arriscada, o espectáculo do CDG ofrece unha lectura máis satírica e política do episodio bíblico recreado por Wilde, mantendo o simbolismo e o ton poético orixinais, pero eliminando os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas. Nesta versión, a traxedia segue acontecendo en Galilea, pero nun contexto contemporáneo e máis próximo ao espectador, aínda que de carácter fantástico. Á parte deste anacronismo premeditado, a adaptación ao galego de Pepe Sendón é fiel ao texto orixinal, de xeito que incide no retrato descarnado das paixóns humanas asinado polo autor dublinés, así como na súa crítica ao poder e ao puritanismo moral.

Hai tamén unha deliberada renuncia á creación dun ambiente de luxo e riqueza de inspiración orientalista visible na escenografía. Trátase dun espazo sobrio, dobrado en dous: un exterior, presidido por un vulgar cortello que encerra ao profeta, situado diante da grella onde se prepara o churrasco do xantar popular. E outro interior, cunha rústica mesa ao redor da cal senta o candidato Herodes e os seus principais convidados.

Acción nun único acto
A acción, que transcorre nun único acto, sitúase no país mítico de Galilea, onde o tetrarca Herodes Antipas celebra o seu aniversario cun banquete organizado na súa honra pola alta sociedade xudía. Nas traseiras do evento, o equipo de produción traballa baixo o luar incomodado pola voz iracunda de Iokanaán, profeta popular e mesiánico sometido a dura prisión no cortello dos porcos, onde o tetrarca adoita facer desaparecer os seus peores inimigos. Mesmo así, Iokanaán non se farta de denunciar a corrupción e inmoralidade que envolve o goberno de Herodes.

As palabras terribles do profeta chaman a atención de Salomé, fillastra de Herodes, moza de virxinal beleza por quen suspira toda a corte, incluído o seu padrasto, que sente por ela unha paixón inconfesable e politicamente comprometida. Salomé, celosa da súa virxindade pero posuída por escuras paixóns, encapríchase de Iokanaán e desencadea unha sanguenta traxedia.

Venda de entradas
As entradas para a función de Salomé en Lugo poderán adquirirse no despacho de billetes do Auditorio Municipal Gustavo Freire desde unha hora antes do comezo da función. O prezo das localidades é de 10 euros (zona A), 7 euros (zona B) e 4 euros (zona C), cun desconto de 2 euros para estudantes, xubilados e desempregados.

Despois da súa estadía en Lugo, o espectáculo exhibirase sucesivamente no Teatro Municipal Área Panorámica de Tui (18 de febreiro), Teatro Principal de Pontevedra (22 e 23 de febreiro), Pazo da Cultura de Narón (25 e 26 de febreiro), Teatro Rosalía da Coruña (4 de marzo), Teatro Principal de Ourense (12 e 13 de marzo) e Teatro Jofre de Ferrol (17 e 18 de marzo). Finalmente, o período de exhibición de Salomé rematará no Salón Teatro, onde do 23 ao 26 de marzo se desenvolverán outras catro novas funcións.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal