AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A REPRESENTACIÓN TERÁ LUGAR O VENRES 18 ÁS 21.30 HORAS

A xira do Centro Dramático con "Salomé" fai parada en Tui para ofrecer unha función no Teatro Municipal

[16/02/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) representa esta semana en Tui o seu espectáculo Salomé, dirixido por Carlos Santiago a partir da obra de Oscar Wilde. A función desta última montaxe da compañía pública, que ofrece unha lectura máis política e actual do texto do gran dramaturgo irlandés, celebrarase o vindeiro venres 18 de febreiro, ás 21.30 horas, no Teatro Municipal de Tui, edificio Área Panorámica.

Presentación de Salomé en Tui

Salomé foi presentada hoxe polo alcalde do Concello de Tui, Antonio Feliciano Fernández Rocha; o concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez Pérez; a directora do CDG, Blanca Cendán, e a actriz María Salgueiro, quen interpreta o papel de Herodías como parte do elenco que encabezan María Mera como Salomé e Pepe Penabade como Herodes e do que tamén forman parte Hugo Torres, Alberte Cabarcos e Marcos Correa.

Estes seis actores e actrices constitúen un reparto equilibrado e homoxéneo que dá vida os 15 personaxes da historia. No equipo artístico, Carlos Santiago tamén contou coas achegas de creadores e profesionais de recoñecido prestixio como Víctor Mosqueira na axudantía de dirección, Fran Pérez (Narf) na banda sonora, Pancho Lapeña na escenografía, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, Cloti Vaello no deseño de vestiario, Fausto Isorna no deseño gráfico, Uxía Vaello na coreografía e Fany Bell no deseño de maquillaxe.

Posta en escena arriscada
A través dunha posta en escena arriscada, o espectáculo do CDG ofrece unha lectura máis satírica e política do episodio bíblico recreado por Wilde, mantendo o simbolismo e o ton poético orixinais, pero eliminando os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas. Nesta versión, a traxedia segue acontecendo en Galilea, pero nun contexto contemporáneo e máis próximo ao espectador, aínda que de carácter fantástico. Á parte deste anacronismo premeditado, a adaptación ao galego de Pepe Sendón é fiel ao texto orixinal, de xeito que incide no retrato descarnado das paixóns humanas asinado polo autor dublinés, así como na súa crítica ao poder e ao puritanismo moral.

Hai tamén unha deliberada renuncia á creación dun ambiente de luxo e riqueza de inspiración orientalista visible na escenografía. Trátase dun espazo sobrio, dobrado en dous: un exterior, presidido por un vulgar cortello que encerra ao profeta, situado diante da grella onde se prepara o churrasco do xantar popular. E outro interior, cunha rústica mesa ao redor da cal senta o candidato Herodes e os seus principais convidados.

Acción nun único acto
A acción, que transcorre nun único acto, sitúase no país mítico de Galilea, onde o tetrarca Herodes Antipas celebra o seu aniversario cun banquete organizado na súa honra pola alta sociedade xudía. Nas traseiras do evento, o equipo de produción traballa baixo o luar incomodado pola voz iracunda de Iokanaán, profeta popular e mesiánico sometido a dura prisión no cortello dos porcos, onde o tetrarca adoita facer desaparecer os seus peores inimigos. Mesmo así, Iokanaán non se farta de denunciar a corrupción e inmoralidade que envolve o goberno de Herodes.

As palabras terribles do profeta chaman a atención de Salomé, fillastra de Herodes, moza de virxinal beleza por quen suspira toda a corte, incluído o seu padrasto, que sente por ela unha paixón inconfesable e politicamente comprometida. Salomé, celosa da súa virxindade pero posuída por escuras paixóns, encapríchase de Iokanaán e desencadea unha sanguenta traxedia.

Venda de entradas
As entradas para a función de Salomé en Tui poden adquirirse desde a páxina web www.culturatui.info (ata ás 13:00h do día da función), así como no despacho de billetes do Teatro Municipal desde unha hora antes do inicio da representación. O prezo das localidades é de 8 euros, cun desconto de 3 euros para persoas en paro, discapacitados, estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, familia numerosa e menores de 12 anos.

Despois da súa estadía en Tui, o espectáculo exhibirase sucesivamente no Teatro Principal de Pontevedra (22 e 23 de febreiro), Pazo da Cultura de Narón (25 e 26 de febreiro), Teatro Rosalía da Coruña (4 de marzo), Teatro Principal de Ourense (12 e 13 de marzo) e Teatro Jofre de Ferrol (17 e 18 de marzo). Finalmente, o período de exhibición de Salomé rematará no Salón Teatro, onde do 23 ao 26 de marzo se desenvolverán outras catro novas funcións.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal