AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O ESPECTÁCULO ADAPTA Á CULTURA XITANA O TEXTO DE GARCÍA LORCA, QUE PROTAGONIZAN NOVE ACTRICES NON PROFESIONAIS PROCEDENTES DO FAMOSO POBOADO CHABOLISTA DE SEVILLA

Mulleres do asentamento El Vacie escenifican no Salón Teatro "La casa de Bernarda Alba", unha versión caló da traxedia lorquiana

[01/03/2011] Un grupo de nove mulleres de etnia xitana do asentamento chabolista máis antigo de Europa, o barrio sevillano de El Vacie, escenificarán o venres 4 no Salón Teatro La casa de Bernarda Alba, de Federico García Lorca, nunha versión dirixida por Pepa Gamboa e producida pola compañía Atalaya que chega a Santiago precedida dun gran éxito de crítica e público. Esta única función terá lugar ás 20.30 horas.

La casa de Bernarda Alba

Sen saber apenas ler e escribir, estas actrices non profesionais aprenderon os seus papeis traballando a memoria e a improvisación. Así, a directora Pepa Gamboa apostou por tirar partido da autenticidade, a espontaneidade, o xogo, a tremenda enerxía e xenerosidade desta nove intérpretes: Rocío Montero Maya, María Carmen Lérida Rodríguez, Loli del Campo Díaz, Carina Ramírez Montero, Sandra Ramírez Montero, Ana Jiménez García, Sonia Joana Da Silva, Pilar Montero Suárez e Marga Reyes. O resultado é un espectáculo orixinal e sobrecolledor, que adapta esta gran traxedia lorquiana á cultura do pobo xitano.

Esta versión de La casa de Bernarda Alba debe a súa existencia ao Programa Imarginario, un dos proxectos máis emblemáticos do Centro Internacional de Investigación TNT, sede da compañía sevillana Atalaya, que emprega o teatro para buscar a integración social das mulleres do poboado de El Vacie. A partir dun taller de interpretación impartido pola actriz Silvia Garzón, o director de TNT, Ricardo Iniesta, propúxolle a Pepa Gamboa que as alumnas levaran o seu talento fóra das aulas.

Máis de 30.000 espectadores
Esta proposta escénica espertou unha expectación mediática inusitada e o resultado artístico foi avalado en primeiro termo pola propia sobriña do poeta e presidenta da Fundación García Lorca e, despois, pola crítica e polos máis de 30.000 espectadores que xa a presenciaron. Ademais, Atalaya recibiu por esta montaxe o Premio Nacional de Teatro 2008, o galardón máis importante dos que se entregan no ámbito teatral español.

Escrita polo gran poeta e dramaturgo granadino Federico García Lorca en 1936, La casa de Bernarda Alba representouse por primeira vez en 1945, en Bos Aires, cun reparto encabezado pola célebre actriz Margarita Xirgú. A obra conta a historia de Bernarda Alba que, tras enviuvar por segunda vez aos 60 anos, decide pasar os próximos anos no máis rigoroso loito. Con ela arrastra ás súas cinco fillas, tres das cales viven baixo o influxo de Pepe el Romano, un personaxe masculino que, a pesar da súa ausencia física na escena, se mantén omnipresente durante todo o drama.

As entradas para asistir á representación desta versión de Atalaya-El Vacie poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Tamén xa se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal