AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

PRETO DE 5.000 ESPECTADORES ASISTIRON ÁS 33 FUNCIÓNS DESENVOLVIDAS ATA O MOMENTO EN ONCE LOCALIDADES GALEGAS E TRES DESTACADOS ESPAZOS DE PORTUGAL

O CDG pecha o período de exhibición de "Salomé" con tres derradeiras funcións no Salón Teatro

[22/03/2011] O espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) Salomé, dirixido por Carlos Santiago, despídese esta semana do público con tres derradeiras funcións no Salón Teatro de Santiago que terán lugar este xoves 24 ás 11.00 horas, en pase concertado para escolares, e o venres 25 e o sábado 26, ás 20.30 horas. A compañía pública galega pecha así o período de exhibición desta adaptación da coñecida obra de Oscar Wilde, que afonda na visión do poder como forza invariable e amosa outra interpretación do texto cunha lectura máis política e actual.

Salomé

Un total de 4.970 espectadores asistiron ata o momento ás 33 representacións do espectáculo ofrecidas durante unha extensa xira de case tres meses de duración por dez escenarios galegos, así como por tres destacados espazos de Portugal -o Centro Cultural Vila Flor de Gimarães, o Teatro Acert de Tondela e o Theatro-Circo de Braga-, así como no propio Salón Teatro, sede do CDG en Santiago, onde foi estreado en novembro do ano pasado.

María Mera como Salomé e Pepe Penabade como Herodes encabezan un elenco do que tamén forman parte María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos, constituíndo un reparto equilibrado e homoxéneo que dá vida os 15 personaxes da historia. No equipo artístico, Carlos Santiago tamén contou coas achegas de creadores e profesionais de recoñecido prestixio como Víctor Mosqueira na axudantía de dirección, Fran Pérez (Narf) na banda sonora, Pancho Lapeña na escenografía, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, Cloti Vaello no deseño de vestiario, Fausto Isorna no deseño gráfico, Uxía Vaello na coreografía e Fany Bell no deseño de maquillaxe.

Contexto contemporáneo
A través dunha posta en escena arriscada, o espectáculo do CDG mantén o simbolismo e o ton poético orixinais, pero elimina os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas. Nesta versión, a traxedia segue acontecendo en Galilea, aínda que nun contexto contemporáneo, no que o tetrarca Herodes é o candidato estrela do partido Bonanza e Progreso de Galilea. Á parte deste anacronismo premeditado, a adaptación ao galego de Pepe Sendón é fiel ao texto orixinal, de xeito que incide no retrato descarnado das paixóns humanas asinado polo autor dublinés, así como na súa crítica ao poder e ao puritanismo moral.

Hai tamén unha deliberada renuncia á creación dun ambiente de luxo e riqueza de inspiración orientalista visible na escenografía. Trátase dun espazo sobrio, dobrado en dous: un exterior, presidido por un vulgar cortello que encerra ao profeta, situado diante da grella onde se prepara o churrasco dun xantar popular. E outro interior, cunha rústica mesa ao redor da cal senta o candidato Herodes e os seus principais convidados.

Acción nun acto
A acción, que transcorre nun único acto, sitúase no país mítico de Galilea, onde o tetrarca Herodes Antipas celebra o seu aniversario cun banquete organizado na súa honra pola alta sociedade xudía. Nas traseiras do evento, o equipo de produción traballa baixo o luar incomodado pola voz iracunda de Iokanaán, profeta popular e mesiánico sometido a dura prisión no cortello dos porcos, onde o tetrarca adoita facer desaparecer os seus peores inimigos. Mesmo así, Iokanaán non se farta de denunciar a corrupción e inmoralidade que envolve o goberno de Herodes.

As palabras terribles do profeta chaman a atención de Salomé, fillastra de Herodes, moza de virxinal beleza por quen suspira toda a corte, incluído o seu padrasto, que sente por ela unha paixón inconfesable e politicamente comprometida. Salomé, celosa da súa virxindade pero posuída por escuras paixóns, encapríchase de Iokanaán e desencadea unha sanguenta traxedia.

Venda de entradas
As entradas para as funcións de Salomé do venres 25 e do sábado 26 xa están dispoñibles a través do teléfono 902 43 44 43 ou da billeteira da web www.caixagalicia.es. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde as 18:30 horas. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).

Polo que respecta á función escolar do xoves 24, ata o momento teñen confirmada a súa asistencia un total de 105 alumnos procedentes de institutos de A Fonsagrada, Monterroso e Forcarei. Co obxectivo de facilitar o traballo na clase respecto da asistencia ao espectáculo como complemento da formación docente, o CDG elaborou un caderno educativo asinado por Miguel Vázquez Freire (de Gálix) que pode descargarse no apartado de servizos da web www.centrodramatico.org.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal