AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

FAUSTO ISORNA É AUTOR DO DESEÑO E DAS ILUSTRACIÓNS, EN TANTO QUE PEPE SENDÓN ASINA OS TEXTOS DESTA OBRA, QUE SE INSIRE NA LIÑA DOS DENOMINADOS "LIBROS OBXECTO"

O Centro Dramático Galego abre con "Salomé, os sete veos" unha nova colección editorial como testemuño gráfico dos seus espectáculos

[08/04/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) abre coa publicación do título "Salomé, os sete veos", unha nova colección editorial que recollerá o testemuño gráfico e escrito dos espectáculos producidos pola compañía teatral pública desde unha perspectiva eminentemente conceptual e estética. A idea deste primeiro libro, que edita a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo, partiu dos creadores Fausto Isorna, autor das ilustracións e do deseño gráfico, e de Pepe Sendón, quen asina os textos escritos expresamente para estas páxinas sobre a última montaxe estreada polo CDG, Salomé.

Imaxe da presentación de "Salomé, os sete veos"

O libro foi presentado hoxe -nun acto celebrado na librería Couceiro de Santiago de Compostela- pola directora do CDG, Blanca Cendán, e os seus dous autores, Fausto Isorna e Pepe Sendón.

Un xoguete
Cunha coidada presentación e a través dunha trintena de páxinas impresas en papeis de distintas texturas e gramaxes, "Salomé, os sete veos" súmase á tendencia dos denominados libros-obxecto ou libros-fetiche. De feito, os seus autores refírense a esta obra como "un xoguete" creado co gallo do devandito espectáculo sobre o coñecido texto de Oscar Wilde, que rematou o pasado mes de marzo o seu período de exhibición despois de ser visto por 5.500 espectadores en Galicia e Portugal.

A estrutura do libro vertébrase a partir da acotación que aparece na obra orixinal de Wilde, "Salomé baila a danza dos sete veos", e a súa transcendencia ata a época actual como estereotipo de danza erótica por antonomasia. A partir desta idea, Isorna e Sendón establecen un proceso narrativo e gráfico no que, a medida que avanza a lectura, vanse retirando eses veos, cada un deles identificados cos conceptos de sexo, paixón, luxuria, poder, mirada, perversión e morte.

Distribución en Galicia
"Salomé, os sete veos" está distribuída e a disposicición dos lectores pola rede de 33 das principais librerías galegas. Así, na cidade da Coruña pódese atopar en Arenas, Couceiro, Couceiro II, Nós e Xiada; Central Libreira en Ferrol; Couceiro, Follas Novas, Abraxas, Pedreira, Gallaeciae Liber, Encontros e Universitas en Santiago; Agroliber en Santa Comba; Trama e Souto en Lugo; Sargadelos en Monforte; Gráficas Santiago en Ribadeo; Tanco, Torga, Internacional e Eixo en Ourense; Paz, Cronopios e Michelena en Pontevedra; Librouro, Cartabón, Andel, Mendinho e Casa do Libro en Vigo, Vilafer en Cangas; Mil Follas en Ponteareas e Iris en Tui.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal