AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

DESENVOLVERANSE DÚAS FUNCIÓNS O LUNS 11 E O MARTES 12 DE ABRIL ÁS 20.30 HORAS

O humor de Carlos Blanco chega ao Salón Teatro de Santiago co espectáculo escénico-musical "Ordem e Progresso"

[09/04/2011] O Salón Teatro de Santiago acolle o vindeiro luns día 11 e o martes 12, ás 20.30 horas, dúas funcións do último espectáculo do humorista Carlos Blanco, Ordem e Progresso, a través do que expón a súa persoal visión do país brasileiro en clave de humor. Nesta ocasión, o polifacético actor está acompañado en escena polos músicos do Sergio Tannus Trío (Sergio Tannus, Sergio Sales e Paulo Silva).

Ordem e progresso

A obra Ordem e Progresso toma o seu nome do lema que aparece escrito na bandeira brasileira, que lle sirve de pretexto ao artista arousán para amosar "unha ollada ao novo mundo, a ese Brasil recoñecible… e non tanto coa cadencia do pandeiro, do cavaquinho, e o fútbol, o sexo e as risas".

Para rir e bailar
Tralos éxitos das súas anteriores montaxes, Humor negro e , a nova proposta escénica de Carlos Blanco preséntase "máis colorista, máis ousada, con criterio, con bo ritmo, cunha lingua que é unha trinca". Coproducido por Abada Teatro, trátase dun espectáculo para rir e tamén para bailar.

Actor -ademais de autor e director- cunha ampla traxectoria teatral, Carlos Blanco é un dos intérpretes galegos de televisión máis coñecidos; presentou e colaborou en múltiples programas da TVG como Sitio distinto ou Luar. Durante tres anos foi parte do elenco protagonista Mareas vivas, teleserie da que tamén escribiu varios guións. Iniciouse no mundo das longametraxes da man de Antón Reixa en O lápis do carpinteiro e de Patricia Ferreira en O alquimista impaciente, intervindo dende entón en máis dunha vintena de filmes.

As entradas para asistir as funcións do luns 11 e do martes 12 poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro a partir das 18.30 horas. Tamén se poderán adquirir na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.sientelaunion.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal