AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

"EL SR. IBRAHIM Y LAS FLORES DEL CORÁN" REPRESÉNTASE OS DÍAS 2 E 3 DE DECEMBRO

O CDN e Uróc abren a programación de decembro do Salón Teatro

[30/11/2006] O espectáculo El Señor Ibrahim y las flores del Corán, que coproducen o Centro Dramático Nacional (CDN) e Uróc Teatro, abrirá o cartel de decembro do Salón Teatro de Santiago con dúas funcións que terán lugar o vindeiro sábado 2 de decembro, ás 20.30 horas, e o domingo día 3, ás 18.00 horas. Organizada polo Centro Dramático Galego (CDG), a programación prevista até finais de ano inclúe o espectáculo Lorca eran todos, escrito e dirixido por Pepe Rubianes, a montaxe de Woyzeck que Nuno Cardoso dirixiu para o Teatro Nacional São João de Porto, e os cinco espectáculos que configuran a semana de Teatro Infantil de Nadal.

Sr. Ibrahim

O dramaturgo e director escénico Ernesto Caballero adaptou e dirixiu El Señor Ibrahim y las flores del Corán a partir do relato do filósofo e escritor francés Eric-Emmanuel Schmitt, un dos dramaturgos vivos máis representados en Francia e Europa. Esta reflexión sobre a concordia é tamén, como explica o seu director, "un canto á amizade e ao entendemento que supera barreiras xeracionais, relixiosas, culturais..." Para esta montaxe, Caballero contou, ademais, coa escenografía deseñada por José Luis Raymond, o vestiario de Gema Rabasco, a iluminación de Miguel Camacho e a música composta por Ali Reza Gholami.

HIMNO Á TOLERANCIA

Situada no París dos anos sesenta, a obra xira arredor da relación que establecen o señor Ibrahim, un solitario tendeiro árabe ao que dá vida Juan Margallo, e o inquedo mozo xudeu Momó, interpretado por Julián Ortega, que simbolizan o encontro entre culturas, ao tempo que difunden, cunha mestura de tenrura e humor, unha "mensaxe de tolerancia, diálogo e mutua comprensión".

A obra orixinal, que foi levada ao cine en 2003 por François Dupeyron, forma parte dunha triloxía de relatos breves para os que Schmitt (Lyon, 1960) se inspirou nas grandes relixións da humanidade: Milarepa, sobre o budismo; Oscar et Mamie-Rose, sobre o cristianismo; e Monsieur Ibrahim et les fleurs du Coran, sobre o islam e o xudaísmo.

As entradas para asistir ás dúas representacións que o CDN e Uróc ofrecen en Santiago poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo da función. O seu prezo é de 10 o sábado, sobre o que se aplica un desconto do 50% para estudantes, maiores de 65 anos e persoas en situación de desemprego, e de 5 o domingo, día do espectador. O espectáculo ten unha duración de 75 minutos.

A programación de decembro do Salón Teatro continuará os días 16 e 17 con Lorca eran todos, obra escrita e dirixida por Pepe Rubianes e producida por Fila 7. Un elenco de dez actrices e actores máis una bailarina poñen en escena diferentes momentos do último ano de vida de Lorca nesta homenaxe ao poeta a partir de textos de Agustín Penón, Ian Gibson, Eduardo Molina Fajardo e José Luis Vila Sanjuán.

NOVA ESCENA PORTUGUESA

Ademais, o Salón Teatro acollerá os días 21 e 22 a presentación en Galicia do Teatro Nacional São João de Porto coa súa versión de Woyzeck, obra póstuma de George Büchner, á fronte da que se situou Nuno Cardoso, unha das máis destacadas figuras da nova dirección escénica portuguesa, acompañado do seu habitual equipo de colaboradores.

O cartel pecharase do 26 ao 30 de decembro cun ciclo dirixido ao público máis novo que, baixo a denominación de Teatro Infantil de Nadal, ofrecerá cinco espectáculos escénicos a cargo das compañías galegas Talía Teatro, con O merlo branco; Disque Danza, con Menú vexetal (dáme verde); Sapristi, con Unha merenda de Alicias; e Berrobambán Teatro, con Buh!, e da zamorana Achiperre Teatro, con Enrique V.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal