AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

PABLO CASTAÑO, ANDREW MACNEILL, ADRIÁN VIÑAS ALONSO, PACO DICENTA, VADZIM YUKHNEVICH E DAVID RODRÍGUEZ RIAL FORON SELECCIONADOS ENTRE 23 ASPIRANTES

O CDG seleccionou os seis músicos que interpretarán en directo a partitura de "A ópera dos tres reás"

[18/04/2011] Pablo Castaño, Andrew Macneill, Adrián Viñas Alonso, Paco Dicenta, Vadzim Yuknevich e David Rodríguez Rial conforman o sexteto que porá a música en directo en A ópera dos tres reás, versión da famosa obra de Bertolt Brecht e Kurt Weill que o Centro Dramático Galego (CDG) estreará o vindeiro 23 de xuño baixo a dirección escénica de Quico Cadaval. Os seis foron seleccionados entre os 23 candidatos que participaron nas audicións convocadas pola compañía pública, durante as que tiveron que demostrar tanto o seu virtuosismo como a súa versatilidade, xa que en total interpretarán ata 17 instrumentos diferentes.

Coa resolución deste proceso de selección complétase o elenco de A ópera dos tres reás, cun total 17 intérpretes en escena entre actores-cantantes (Luis Tosar, Begoña Santalices, Marcos Orsi, Muriel Sánchez, Mónica de Nut, César Goldi, Alba Messa, Víctor L. Mosqueira, Marta Pazos, Francisco Pérez "Narf" e Sergio Zearreta) e músicos. Estes últimos serán quen de interpretar o saxo alto, saxo tenor, saxo soprano, saxo barítono, frauta, frautín, clarinete, fagot, trompeta, trombón de varas, contrabaixo, banjo, bandoneón, guitarra, mandolina, timbais e percusión.

Os músicos incorporarase o 23 de maio aos ensaios da nova produción do CDG baixo a dirección musical do galego Diego García Rodríguez, quen na actual temporada exerceu como director asistente de Josep Pons en The turn of the screw e de Paul Daniel en Król Roger, ambas as dúas óperas producidas polo Teatro Real.

A pesar da súa xuventude, Diego García Rodríguez posúe unha destacada traxectoria internacional como director de orquestra, colaborando con Diego Masson na Dartington International Summer School (Reino Unido) e con Nicolas Chalvin en producións para as óperas de Nantes-Angers (Francia) e Lausanne (Suíza), entre outros traballos. É, ademais, o fundador do Taller Atlántico Contemporáneo, do cal é director artístico e musical, e do proxecto Galicia XXI xunto co frautista Luis Soto.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal