AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

DEZ ACTORES E UNHA BAILARINA INTERPRETAN UNHA HOMENAXE AO POETA E A TODAS AS VÍTIMAS DA GUERRA

O Salón Teatro de Santiago ofrece esta fin de semana dúas funcións da obra de Pepe Rubianes "Lorca eran todos"

[15/12/2006] O Salón Teatro de Santiago acolle esta fin de semana a obra de Pepe Rubianes, Lorca eran todos, en dúas funcións que terán lugar o sábado ás 20:30 e o domingo ás 18:00 horas. O especáculo, producido pola compañía catalana Fila 7, é unha homenaxe á figura do poeta granadino e, por extensión, a todos cantos foron vítimas da guerra civil española. Lorca eran todos, que chega a Compostela precedida tanto da polémica como do éxito que suscitou a súa escenificación noutras cidades, concebíuse como unha peza de teatro-documento da que é autor e director Rubianes. Está realizada a partir de textos de Agustín Penón, Ian Gibson, Eduardo Molina Fajardo e José Luis Vila Sanjuán, algúns dos historiadores que traballaron sobre as circunstancias da morte de Federico García Lorca.

Ao longo da obra sucédense, ao xeito dun particular via crucis, distintas escenas claves na vida de García Lorca datadas en Madrid e en Granada en 1936: as ameazas que sofre, a súa estancia agachado na casa do seu amigo Luis Rosales, a súa detención e morte.

O espectáculo contén o traballo de 10 actores (Esteban Labarri, Alejandra Jiménez, Jonatan Minaya, Maite Molina, Eloi Benet, Marian Bermejo, Xesús Brañas, Ainhoa Roca, Silvana Pérez, Emili Pere), que dan vida a outros personaxes históricos como Luís Rosales, Margarita Xirgu ou Pablo Neruda; ademais da bailarina Laura Galán, cuxa interpretación encarna á morte.

As localidades poden adquirirse na billeteira do Salón Teatro (Rúa Nova, 34) desde dúas horas antes do comezo das funcións ao prezo de 10 € para o sábado e de 5 € para o domingo, día do espectador, polo que se aplica un 50% de desconto.

As representacións forman parte da programación do Salón Teatro para o presente mes de decembro, no que o espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) amosará tamén woyzeck, a cargo do Teatro Nacional Sao Joao, os próximos días 21 e 22; así como un ciclo de teatro infantil, do 26 ao 30, no que participarán Achiperre Teatro, Talía Teatro, Disque Danza, Sapristi e Berrobambán.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal