AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

REPRESÉNTASE MAÑÁ VENRES 8 E O SÁBADO 9, ÁS 20.30 HORAS, NO CENTRO SOCIAL NOVACAIXAGALICIA DENTRO DA PROGRAMACIÓN DO FESTIVAL INTERNACIONAL RÍAS BAIXAS

O CDG chega a Pontevedra co espectáculo de teatro musical 'A ópera dos tres reás'

[07/07/2011] A ópera dos tres reás, primeiro espectáculo musical de gran formato producido polo Centro Dramático Galego (CDG), represéntase mañá venres 8 e o sábado 9 ás 20.30 horas en Pontevedra como parte da programación que o Festival Internacional Rías Baixas (Festibaixas) desenvolve no Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia. Quico Cadaval, na dirección escénica, e Diego García Rodríguez, na musical, asinan a versión galega do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill, que interpreta un extenso elenco de 20 actores e músicos encabezado por Luis Tosar.

A ópera dos tres reás en Pontevedra

O actor lugués, quen dá vida a Mackie Messer (Mackie da Faca), presentou hoxe estas funcións en rolda de prensa xunto coa directora do CDG, Blanca Cendán, e as actrices Mónica de Nut e Marta Pazos, que interpretan respectivamente a Jenny e a Walter Funeral, entre outros papeis. A ópera dos tres reás, que chega a Pontevedra como terceiro destino dunha xira que acaba de iniciar con gran éxito de público en Santiago e Ferrol, terá así mesmo unha ampla difusión fóra de Galicia con representacións en Madrid, Las Palmas, Salamanca, Pamplona e Zaragoza.

Vinte números musicais
Un total de 11 actores-cantantes galegos defenden nesta gran produción da compañía da Consellería de Cultura e Turismo unha esixente e vertixinosa posta en escena, con preto de vinte números musicais e dúas horas e vinte e cinco minutos de duración. Xunto con Luis Tosar, para quen este papel supon o regreso ás táboas despois de cinco anos dedicado con gran éxito e case en exclusiva á súa carreira cinematográfica, Marcos Orsi, Muriel Sánchez e Begoña Santalices acompáñano nos papeis protagonistas. Ademais, César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf" e Sergio Zearreta completan este destacado elenco.

Xunto con eles, sobre o mesmo escenario deseñado por Baltasar Patiño e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos -Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich- executa en directo a partitura deste clásico do século XX, que marcou un importante punto de inflexión na relación entre o teatro e a música e que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de cancións tan coñecidas e interpretadas como A balada de Mackie Navalla.

Na ficha artística deste proxecto -a través do que Blanca Cendán materializa a súa aposta polo teatro musical de gran formato como unha das súas liñas de xestión á fronte do Centro Dramático- figura, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento desta produción xunto co equipo técnico propio do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asina a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións ao galego, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.

Caleidoscopio
Na versión de Quico Cadaval -responsable tamén da dramaturxia-, A ópera dos tres reás propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século. Esta ollada "caleidoscópica" apoia o desenvolvemento desta historia contada -en palabras do seu director- "a través das leis do cabaré".

A acción transcorre ao longo de 45 vertixinosas horas nos baixos fondos de Central City, onde a ambición, os soños, a traizón, a mesquindade, o desexo e a beleza son os ingredientes dun cóctel explosivo, sempre no punto de ebulición. Neste escenario habitado por delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos campa ás súas anchas o famoso gángster Mackie da Faca (Luis Tosar), cuxo historial delituoso non para de medrar en conivencia con Tigre Brown (César Goldi), xefe da Policía e o seu amigo persoal. Pero todo se torce para o "capitán" dos bandidos locais cando decide casar con Polly Peachum (Muriel Sánchez), a filla do rei dos mendigos (Marcos Orsi), quen está disposto a calquera cousa para acabar con ese matrimonio e recuperar a súa pequena das mans do que para el é o "maior criminal do mundo".

Venda de entradas
As entradas para asistir ás dúas funcións de A ópera dos tres reás en Pontevedra poden adquirirse a través da billeteira electrónica de Novacaixagalicia en www.servinova.es e no teléfono 902 504 500, así como no despacho de billetes do Centro Social Novacaixagalicia (rúa Augusto González Besada, 2) desde unha hora antes do comezo da representación. O prezo das localidades sitúase entre os 16 e os 20 euros.

Trala súa presentación en Pontevedra, o espectáculo do CDG continuará un percorrido que se prolongará ata primeiros de outubro. Este mes de xullo poderá verse tamén en Madrid, con dúas semanas de funcións no Teatro Fernán Gómez a partir do día 20. Outras das localidades incluídas nesta ampla xira son Las Palmas de Gran Canaria (11 e 12 de agosto), Salamanca (2 e 3 de setembro), Pamplona (6 e 7 de setembro), Zaragoza (do 9 ao 10 de setembro), A Coruña (17 e 18 de setembro), Ourense (23 e 24 de setembro), Vigo (27 e 28 de setembro ) e Narón (30 de setembro e 1 de outubro).

Esta nova produción da compañía pública galega conta co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura e enmárcase, ademais, na programación do Ano da Música de Galicia.


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal