AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A MONTAXE ESTARÁ DÚAS SEMANAS NO TEATRO FERNÁN GÓMEZ, ONDE INICIA A XIRA NACIONAL E ESTREA A VERSIÓN EN CASTELÁ

Roberto Varela presenta en Madrid 'A ópera dos tres reás' como "un exemplo do bo traballo que se está a facer nas artes escénicas de Galicia"

[19/07/2011] O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou esta mañá no Teatro Fernán Gómez de Madrid o primeiro gran espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), ĎA ópera dos tres reásí, producida co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura e inserida nas programacións do Ano da Música e de Galicia Classics. O conselleiro destacou na súa intervención como ĎA ópera dos tres reásí, que conta con Quico Cadaval na dirección escénica, Diego García Rodríguez na musical e Luis Tosar como protagonista, "é, sen dúbida, unha aposta importante para a cultura galega e exemplifica o bo traballo que se fixo nas artes escénicas da nosa Comunidade nos últimos anos".

Roberto Varela con Muriel Sánchez e Luis Tosar

O acto de presentación da obra aos medios contou coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos F. Fasero, a directora do Centro Dramático Galego, Blanca Cendán, a directora do Teatro Fernán Gómez, Mora Apreda, o director de escena, Quico Cadaval e os actores, Luis Tosar e Muriel Sánchez.

O responsable de Cultura e Turismo subliñou a importancia de presentar a ópera no Teatro Fernán Gómez, "todo un referente escénico en España, que conta cunha tradición de longo prestixio e un público experto e consolidado". O conselleiro de Cultura lembrou que o teatro madrileño é "un gran punto de arranque para unha xira que nos levará tamén por Las Palmas, Salamanca, Pamplona e Zaragoza". Roberto Varela amosou a súa convicción de que ĎA ópera dos tres reásí "é capaz de traspasar fronteiras pola súa capacidade e interese" e non desbotou "a posibilidade de ampliar a xira e dalo salto a Iberoamérica".

En verbas do responsable de Cultura, a proposta do CDG "conta co aval do público galego, que encheu noite tras noite os distintos auditorios, tanto en Santiago de Compostela, como en Pontevedra e Ferrol", de modo que se puido constatar "a atracción que concita este espectáculo". Segundo Roberto Varela, unha das razóns do seu éxito reside na súa "total actualidade", xa que "aborda temas atemporais e universais, como a ambición, a corrupción, os celos ou a ambigüidade moral". O conselleiro de Cultura e Turismo salientou asemade outras virtudes da adaptación de Quico Cadaval, "vista desde a retranca e o humorismo que nos caracteriza aos galegos". "O resultado é unha obra moi divertida, que non elude en ningún momento o espírito crítico e que invita a un tempo ao entretemento e á reflexión", engadiu.

Do mesmo xeito, Roberto Varela apuntou que "o espectáculo conta con moitas bazas ao seu favor, como unha imaxinativa posta en escena e unha excelente interpretación musical da partitura de Weill". Para o conselleiro, en ĎA ópera dos tres reásí "sobresae o gran nivel do elenco actoral", conformado por un "talentoso grupo de actores galegos" que nos ofrece a posibilidade de contar "coa capacidade artística e a implicación no proxecto dun actor da talla de Luís Tosar". Roberto Varela definiu a representación do CDG como "unha auténtica festa para o espectador" que "marca un fito para o teatro de Galicia".

O Teatro Fernán Gómez, ubicado na céntrica Praza de Colón, acollerá un total de nove funcións da montaxe, que estrea neste espazo ademais a súa versión en castelá (tradúcense os textos falados pero non as letras das cancións, que se manteñen en galego con sobretítulos). A obra permanecerá dúas semanas na carteleira madrileña, do 21 ao 31 de xullo (con funcións de mércores a sábado, ás 20.30 horas, e os domingos, ás 19.30 horas) e proseguirá a continuación a súa distribución fóra de Galicia con representacións en Las Palmas, Salamanca, Pamplona e Zaragoza.

Esixente posta en escena
O amplo e cualificado elenco, cun total de 20 artistas en escena interpretando en directo música e cancións, sitúan esta versión galega do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill entre as meirandes producións enfrontadas ata o momento polo Centro Dramático Galego. Son 11 os actores-cantantes galegos que defenden unha esixente e vertixinosa posta en escena, con preto de vinte números musicais ao longo de case dúas horas e media de representación. Xunto con Luis Tosar, para quen este papel supón o regreso ás táboas despois de cinco anos dedicado con gran éxito e case en exclusiva á súa carreira cinematográfica, Marcos Orsi, Muriel Sánchez e Begoña Santalices, acompáñano nos papeis protagonistas, ademais de César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf" e Sergio Zearreta que completan este destacado elenco.

Ao seu carón, sobre o mesmo escenario deseñado por Baltasar Patiño e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos -Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich- executa en directo a partitura deste clásico do século XX, que marcou un importante punto de inflexión na relación entre o teatro e a música e que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de cancións tan coñecidas e interpretadas como A balada de Mackie Navalla.

Na ficha artística deste proxecto figura, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento desta produción xunto co equipo técnico propio do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asina a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións ao galego, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.

Universo "brechtiano"
Na adaptación de Quico Cadaval -responsable tamén da dramaturxia-, A ópera dos tres reás propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século. Esta ollada "caleidoscópica" apoia o desenvolvemento desta historia contada -en palabras do seu director- "a través das leis do cabaré".

A acción transcorre ao longo de 45 vertixinosas horas nos baixos fondos dunha cidade na que a ambición, os soños, a traizón, a mesquindade, o desexo e a beleza son os ingredientes dun cóctel explosivo, sempre no punto de ebulición. Neste escenario habitado por delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos campa ás súas anchas o famoso gángster Mackie Messer (Mackie da Faca), cuxo historial delituoso non para de medrar en conivencia con Tigre Brown (César Goldi), xefe da Policía e o seu amigo persoal. Pero todo se torce para o "capitán" dos bandidos locais cando decide casar con Polly Peachum (Muriel Sánchez), a filla do rei dos mendigos (Marcos Orsi), quen está disposto a calquera cousa para acabar con ese matrimonio e recuperar a súa pequena das mans do que para el é o "maior criminal do mundo".

Venda de entradas
As entradas para asistir ás funcións de A ópera dos tres reás (La ópera de los tres reales) no Teatro Fernán Gómez de Madrid poden adquirirse a través da web www.telentrada.com, do teléfono 902 10 12 12 ou no despacho de billetes do propio Teatro en horario de 11.00 a 13.30 horas e a partir das 17.00 horas. O prezo das localidades é de 22 euros, e de 17 euros para o mércores 27, día do espectador.

Tralas representacións en Madrid, o espectáculo do CDG continuará un percorrido que se prolongará ata primeiros de outubro e que discorrerá por Las Palmas de Gran Canaria (11 e 12 de agosto), Salamanca (2 e 3 de setembro), Pamplona (6 e 7 de setembro), Zaragoza (9 e 10 de setembro), A Coruña (17 e 18 de setembro), Ourense (23 e 24 de setembro), Vigo (27 e 28 de setembro ) e Narón (30 de setembro e 1 de outubro).


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal