AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A ACTUACIÓN, QUE SERÁ MAÑÁ VENRES ÁS 20:30, ESTARÁ CONDUCIDA POR ANTÓN COUCHEIRO E ANTUAN DE LA CREME

Pistacinco desprega no Salón Teatro a sucesión de números artísticos que conforman o espectáculo "Cabaré de circo"

[27/10/2011] A Asociación de Novo Circo e Cabaré Pistacinco presenta mañá venres 28, ás 20.30 horas, no Salón Teatro de Santiago, unha única función do seu particular Cabaré de Circo, un espectáculo en formato cabaré no que unha ducia de polifacéticos artistas de novo circo desenvolverán unha sucesión de sete números que permitirá dar a coñecer ao público xeral un panorama das distintas liñas e propostas artísticas nas que traballan actualmente.

O dúo Duelirium

Sobre o escenario do espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego e durante unha hora e media de actuación, os artistas amosarán as súas distintas habilidades, desde malabares ata equilibrios, pasando por zancos, corda ou aéreos.

Así, Arturo escenificará a súa peza S.L. (Sociedade Limitada), unha parodia en clave de clown sobre o dilema de traballar para vivir ou vivir para traballar; Pablo e Sofía presentarán o seu último traballo de acrodanza, unha peza con reminiscencias do pasado; Dj Capuzzi e a señorita X farán o propio con Disco Delivey], un espectáculo feito con moito amorque promete malabares, claqué, acrobacias e moito humor; e Santi, un dos malabaristas punteiros de Galicia, deleitará aos afeccionados dos malabares; ao igual que Jano, un equilibrista con influencias dos países do Leste.

Ademais, Duelirium, compañía finalista do programa Xóvenes Talentos do Circo Europeo que integran Raquel Oitavén e Mercè Solé, levará a cabo unha viaxe máxica na procura de novos elementos e instalacións aéreas. Finalmente, Girisho conseguirá que os asistentes conteñan o seu alento mentres realiza os seus exercicios na corda. Todo isto, aderezado co humor de Antón Coucheiro e Antuan de la Creme, presentadores da gala.

Referente do novo circo galego
No ano 2000 creouse a Asociación de Novo Circo e Cabaré Galega Pistacatro, colectivo que ademais de artistas inclúe a profesionais e afeccionados de outras categorías técnicas como a escenografía, a produción ou a música, e que foi o xerme do actual movemento de novo circo en Galicia. En 2005, sete artistas integrantes da asociación crean a empresa Pistacatro Productora de Soños. A principios do 2007 esta última pasou a chamarse Pistacinco, en relación á continua evolución da súa actividade.

Na actualidade está fortemente consolidada e goza de convenios anuais co Concello de Santiago de Compostela e co Concello de Ames para financiar tanto a súa sede na nave chamada Circonove, no polígono do Novo Milladoiro, como as súas actividades ao aire libre e nos teatros da cidade.

As entradas para Cabaré de Circo poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal